NUMAX

A directora de fotografía Lucía Catoira, próxima convidada do ciclo A Cor das Palabras

«O que queda na retina» é o título da aula que a directora de fotografía Lucía Catoira Pan ofrecerá o domingo 13 de decembro ás 11:30, dentro do ciclo de encontros con cineastas A Cor das Palabras que organiza o Concello de Santiago en colaboración con NUMAX. Para asistir, a entrada é de balde pero é preciso enviar un correo a [email protected], indicando nome completo e número de contacto.

A forza da imaxe dun filme reside na súa capacidade para contar e na súa valía estética, pero sobre todo na habilidade para crear recordos que perduren. A viaxe que realiza a fotografía dun filme, desde que se xesta a idea do guión ata que se crea a imaxe final, pasa por múltiples procesos dos que é responsable en boa medida o departamento de fotografía. No encontro coa directora de fotografía Lucía Catoira Pan o vindeiro domingo 13 de decembro veremos como se toman unha serie de decisións artísticas, fortemente condicionadas por cuestións técnicas, que nunca perden de vista o que permanecerá na retina.

Para participar como público da aula A Cor das Palabras é preciso inscrición previa no correo [email protected], indicando nome completo e número de contacto. O acceso é de balde ata completar a capacidade da sala.

Lucía Catoira Pan (Cambre, 1984) estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e especializouse en fotografía cinematográfica pola ESCAC. Ten traballado en diversos proxectos como directora de fotografía, como as curtametraxes Esteroscopía (2010), Anacos (2011) de Xacio Baño ou Unary (2014) de Luís Avilés. En 2015 realizou a fotografía do documental Islas, unha coprodución cubano-polaca, da realizadora Adriana F. Castellanos e no 2016 comezou a traballa no filme Dhogs de Andrés Goteira, polo que recibiría en 2018 o premio á Mellor dirección de fotografía nos Mestre Mateo.