Cinema

Charles Burnett visita NUMAX para impartir a Aula «Contra quen pelexo esta noite?» e presentar «Killer of Sheep»

A terceira entrega da Aula «Os ollos verdes» contará cun visitante de excepción. Charles Burnett, director de culto do cinema independente e un dos autores afroamericanos máis importantes da historia, visita NUMAX o luns 18 de abril ás 17:30 para impartir unha clase maxistral titulada «Contra quen pelexo esta noite?». A xornada complétase coa presentación, ás 19:30, do libro Charles Burnett: un cineasta incómodo, editado por Play-Doc Books, e a estrea, ás 20:30, de Killer of Sheep, con presentación e coloquio a cargo de Charles Burnett.

A visita de Charles Burnett a NUMAX, organizada en colaboración con Play Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui e a Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela, chega cargada de propostas e actividades. O luns 18 de abril ás 17:30, Burnett ofrecerá unha nova entrega da Aula «Os ollos verdes», unha iniciativa do Cinema NUMAX que está a traer todos os meses a Compostela a destacados cineastas independentes contemporáneos, xa sexan autores novos que están a pescudar na súa propia linguaxe ou cineastas consolidados que ofrecen un repaso á súa filmografía. Na clase maxistral, titulada «Contra quen pelexo esta noite?» (Who Am I in the Ring with Today?), Burnett fará un percorrido pola súa traxectoria artística, desde o seu período inicial como cineasta independente, no que se deu a coñecer pola sinceridade do seu retrato da comunidade negra de Los Angeles, até os seus filmes máis recentes encadrados polo xeral nun paradigma de produción industrial.

As actividades arredor da figura de Charles Burnett continuarán ás 19:30 na Libraría NUMAX coa presentación do libro Charles Burnett: un cineasta incómodo, editado polos críticos e investigadores María Míguez e Víctor Paz e publicado polo festival Play Doc. O volume, financiado a través dunha campaña de crowfunding, conta co patrocinio de NUMAX e constitúe o primeiro libro monográfico orixinal publicado sobre Charles Burnett. O texto contén diversas aproximacións teóricas á obra do cineasta e unha longa entrevista realizada por Míguez e Paz na que Burnett ofrece un exhaustivo percorrido á súa filmografía.

Xa ás 20.30, de volta á sala de cinema, estrearase Killer of Sheep, a obra máis importante do autor que foi seleccionada en 1990 pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos polos seus valores artísticos e históricos. Gravado en 1975 cunha cámara de 16mm a xeito de proxecto de tese de licenciatura, o filme acadou axiña unha aura mítica polo retrato, áspero e tenro a un tempo, do cotián no barrio negro de Watts, en Los Angeles, onde se criou o propio autor. En palabras do crítico Gonzalo de Lucas, «a montaxe corta os planos como láminas que desprenden relampos grises e reflectantes, os corpos expresan un cansazo melancólico e arcaico. A sutil, exhausta e lenta mecánica da vida cotiá orixina friccións que erosionan o filme no seu discorrer: o que resta é unha civilización depurada e erosionada». A presentación de Killer of Sheep correrá a cargo de Charles Burnett, que participará nun coloquio posterior co público asistente.

A Aula «Contra quen pelexo esta noite?» de Charles Burnett ten entrada gratuíta até completar aforo. Para reservar praza cómpre realizar inscrición previa no correo [email protected] no que é preciso indicar un teléfono de contacto. En canto á sesión de Killer of Sheep do luns 18 de abril presentada polo cineasta, xa se poden adquirir as entradas a través da nosa billeteira. Como de costume, as persoas abonadas colaboradoras e protectoras de NUMAX teñen acceso gratuíto a todas as actividades que conten cun autor convidado, previa reserva no correo [email protected].