Cinema

Cinco obras emblemáticas de Jules Dassin para os martes de decembro

A pantalla do cinema NUMAX homenaxeará entre o 1 e o 29 de decembro ao director estadounidense Jules Dassin, un dos grandes autores do cinema negro, coa proxección das súas cinco pezas máis célebres, dirixidas entre 1947 e 1955: Forza bruta, A cidade espida e Mercado de ladróns, feitos durante a súa etapa americana, e Noite na cidade e Rififi, rodados en Reino Unido e Francia, durante o seu exilio europeo.

Aínda que moitísimo menos coñecido que o seu mestre Alfred Hitchcock, de quen foi asistente de dirección, o cineasta estadounidense é recoñecido, quizais non o suficiente polo gran público, polas súas sobresaíntes incursións no cinema negro.

Revisamos os seus cinco traballos máis destacados, rodados maioritariamente en América, se ben o escenario dos dous últimos desta escolma foi o continente europeo, exilio ao que se viu forzado por mor da persecución macartista e a caza de bruxas. Cada martes de decembro, en pase único, poderemos recrearnos no seu estilo seco e realista que ás veces bordea o documental, e adoito cun potente trasfondo social.

Ollo! Serán pases únicos e poderás aproveitar, se estudas na USC, para obter 1 crédito ECTS pola asistencia ás sesións coa tarxeta “Os ollos verdes”.

Martes 1
Forza bruta (Brute Force, 1947, 98')
Nunha prisión, o xefe dos carceleiros aplica unha indesexable lei sobre os reos, aos que lles fai a vida imposíbel a base de castigos e torturas. Un grupo de presos, farto das inxustizas, tramará un plan para fugarse. Denuncia social directa ao estómago con interpretacións soberbias entre as que sobresae a de Burt Lancaster.

Martes 8
A cidade espida (The Naked City, 1948, 96')
Thriller que narra a investigación nun caso de asasinato dunha muller no seu apartamento. Os dous policías encargados do caso revolverán ceo e terra para dar co culpable. Nin unha soa secuencia foi rodada en estudio. Levou os Oscar á Mellor fotografía e á Mellor montaxe.

Martes 15
Mercado de ladróns (Thieves Highway, 1949, 94')
Nick Garcos, un camioneiro que se gaña a vida transportando froita en durísimas condicións, decide non someterse ás presións dos dirixentes de sindicatos mafiosos que no seu día estafaron e mutilaron ao seu pai.

Martes 22
Noite na cidade (Night and the City, 1950, 101')
Harry Fabián traballa a comisión como gancho dun club. Pero é ambicioso e soña con ser independente. Para conseguilo non dubidará en embaucar ao campión do mundo de loita greco-romana para que se enfrente ao seu fillo Kristo, que controla a loita en Londres. Baseada na novela de Gerald Kersh.

Martes 29
Rififi (Du Rififi chez les hommes, 1955, 117')
Tras cumprir cinco anos de condena, Tony Le Stephanois sae de prisión coa intención de cambiar de vida, pero a súa amante está cun coñecido gánster. Non lle queda outra que reunirse cos vellos compinches, con quen preparará un golpe perfecto. Baseada na novela de Auguste Le Breton, convertiuse nun éxito internacional da época e filme estandarte do cinema negro. Premio á Mellor dirección en Cannes.