Cinema

Proxección ao aire libre de «A muller pantera» e «Imitación á vida» no Festival C

Por segundo ano consecutivo o treito final da rúa Concepción Arenal vaise converter nunha sala de cinema ao aire libre na que imos proxectar dúas obras mestras de Jacques Tourneur e Douglas Sirk. A proxección, gratuíta até completar aforo, enmárcarse no Festival C, organizado polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.

Tras a magnífica acollida das sesións ao aire libre de 2023, nas que gozamos do cinema de Charles Laughton e Rainer Werner Fassbinder baixo o ceo compostelán, non queriamos rematar o verán de 2024 sen volver á rúa e propoñervos dúas novas sesións especialmente seleccionadas para a ocasión. Desta volta proxectamos dous títulos de culto do cinema clásico estadounidense, comezando o martes 27 cun dos cumios da Serie B como é A muller pantera, dirixida por Jacques Tourneur e producida por Val Lewton. Unha obra mestra do terror clásico que fai do suxestión do que non se pode ver a base do seu máxico arrepío. O día seguinte, mércores 28, meterémonos de cheo no melodrama social de Douglas Sirk coa emocionante Imitación á vida, un dos primeiros exemplos do cinema de Hollywood en denunciar de maneira explícita o racismo.

Ambos pases terán lugar no último treito de Concepción Arenal e darán inicio sobre as 21:00h. A proxección correrá a cargo da compañía Mr. Misto e o programa inclúese nas actividades do Festival C, organizado polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.

Martes 27 | 21:00h
A muller pantera (Cat People, Jacques Tourneur, 1942, 77', VOSG)
Oliver coñece a Irena durante unha vista ao zoo. Namoran e acaban contraendo matrimonio. Durante o convite, unha misteriosa muller aparece e afirma ser parente de Irena. Ela comeza desde entón a se comportar de maneira estraña polo que Oliver busca axuda médica. Ao mesmo tempo confía os seus temores á súa amiga Alice o que desencadea os celos de Irena.

Mércores 28 | 21:00h
Imitación á vida (Imitation of Life, Douglas Sirk, 1959, 124', VOSG)
Lora Meredith (Lana Turner), unha actriz viúva en paro, vive coa súa filla adolescente (Sandra Dee) en Nova York. Un día, coñece por casualidade a Annie, unha muller negra (Juanita Moore) á que contrata como serventa. Ese mesmo día coñece tamén a Steve (John Gavin), un fotógrafo que namora dela. Un dos cumios do melodrama social de Douglas Sirk e un dos primeiros filmes de Hollywood en denunciar o racismo de maneira explícita.