Aberta a inscrición para o clube de lectura NUMAX – Irmás Cartoné
A Libraría NUMAX pon en marcha xunto á editorial Irmás Cartoné un clube de lectura que terá como primeiro bloque temático a ciencia ficción escrita por mulleres. A primeira sesión será aberta ao público, de carácter informativo e terá lugar o martes 1 de marzo ás 20:30h. Nela os editores Carlos Valdés e Celia Recarey presentarán a actividade a quen se queira achegar á libraría. O clube será de inscrición gratuíta e para un grupo de dez persoas. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
«A razón pola que pasamos de porcos a homes e mulleres, e saímos das nosas cavernas, e guindamos os nosos arcos e frechas, e nos sentamos a carón do lume e falamos e bebemos e festexamos e demos ao pobre e axudamos ao doente e fixemos pavimentos e casas e eriximos algún tipo de refuxio e sociedade no ermo do mundo, non é nada máis que esta: amamos ler.» Virginia Woolf
A editorial Irmás Cartoné e NUMAX únen as súas forzas para botar a andar unha actividade que queriamos facer dende hai moito tempo: un clube de lectura, que se dividirá en dous cuadrimestres e que terá unha temática diferente por bloque. Este reunirase unha vez ao mes no espazo da libraría e servirá para compartir, conversar e intercambiar perspectivas, ideas e impresións sobre as lecturas propostas nun ambiente distendido. Neste primeiro cuadrimestre a temática será a ciencia ficción e leranse os seguintes títulos de narrativa escrita por mulleres, un por mes: Frankenstein de Mary Shelley, na tradución de Samuel Solleiro (Aira Editorial); Kallocaína de Karin Boye, na tradución de Marta Dahlgren (Hugin e Munin); En el corazón del bosque de Jean Hegland, na tradución de R. M. Bassols (Errata Naturae); e Parentesco de Octavia E. Butler, na tradución de Amelia Pérez de Villar (Capitán Swing).
A primeira sesión será de carácter informativo e aberta ao público. Terá lugar o martes 1 de marzo ás 20:30h no espazo da libraría. Nesta xuntanza inicial, na que intervirán Carlos Valdés e Celia Recarey de Irmás Cartoné, teremos a oportunidade de coñecernos e presentar a proposta da actividade, que será de inscrición gratuíta e para un grupo de dez persoas como máximo. Escribindo ao correo electrónico [email protected] poderás pedir máis información ou apuntarte directamente indicando o teu nome, apelido e contacto de teléfono. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Máis información sobre o funcionamento do clube de lectura
- O clube de lectura estará dividido en dous cuadrimestres e terá unha temática diferente por bloque, de xeito que a selección do tema sexa o fío condutor para a elección dos catro títulos. O primeiro cuadrimestre será de marzo a xuño, e o segundo irá de setembro a decembro.
- As sesións serán de periodicidade mensual, cunha duración de aproximadamente dúas horas e terán lugar na libraría NUMAX, o último martes de cada mes ás 20.00 da tarde. En canto á lingua, proporanse lecturas tanto en galego como en castelán, aínda que procurando sempre darlle preferencia ao galego na medida do posible. Respecto aos xéneros, terá máis peso a narrativa, pero non se descartan outros (BD, ensaio, poesía…) que poidan resultarnos enriquecedores.
- A libraría ofrecerá un 5% de desconto ás persoas que se anoten no clube de lectura e que queiran mercar os libros propostos en NUMAX.
- Hoxe
- Ver máis