NUMAX proxecta as obras gañadoras de «CO- Festival Internacional de Cinema Cooperativo»
En NUMAX temos a honra de ser sede itinerante de «CO- Festival Internacional de Cinema Cooperativo», unha iniciativa do Zumzeig Cinema que premia obras realizadas desde unha metodoloxía colaborativa. O xoves 14 ás 19:50 proxectaremos as obras gañadoras da primeira edición con coloquio a cargo de Carla Blanco, unha das súas coordinadoras, e do Laboratorio Reversible.
"Un lugar para as películas de produción e metodoloxía colectiva e participativa, cun discurso e unha estética alternativa e arriscada". Con esta suxestiva declaración de intencións se presenta a primeira edición de CO- Festival Internacional de Cinema Cooperativo, unha iniciativa da sala cooperativa Zumzeig Cinema de Barcelona da que, na cooperativa NUMAX temos a sorte de ser unha das súas sedes itinerantes.
O vindeiro xoves 14 ás 19:50h proxectaremos a longa e a curta gañadoras desta primeira edición, nunha sesión que estará acompañada por Carla Blanco, socia-traballadora de Zumzeig e unha das coordinadoras do festival e de membros de Laboratorio Reversible, autoras dunha das pezas gañadoras. As entradas xa están á venda en web e billeteira.
RONDÒ FINAL
L’Ambulante | 2021 | 51 min | Italiano | DOC
Cen anos de imaxes buscadas e encontros. Fragmentos de película, fitas familiares, píxeles. Un santo mártir, un guerreiro. Santo Efisio, una icona que conmove a xente. Unha festa, un rito que se repite fóra do tempo e que vai acompañado das máscaras de dominacións pasadas e presentes dunha illa: Cerdeña. Que escapa? Que fica? A pregunta e a resposta son a base da montaxe e renovan o pasado noutro pasado. Neste encontro de miradas en diferido, o día festivo volve renovarse na memoria e o soño, lonxe de lugares coñecidos.
VECINES
Laboratorio Reversible | 2018 | 25 min | Catalán | DOC
Rostros engurrados, un solar abandonado, unha sombra engule un gato, dúas mans entrecrúzanse, unha pancarta avanza. Un filme que parece poder esvaecerse en calquera intre, cunha temporalidade en suspenso: as persoas por momentos parecen doutra época, os fotogramas recuperados dun tempo lonxano. Pero estamos no presente, nun barrio que ameaza desaparecer. Un movemento que apenas detén en pequenos xestos de resistencia. "veCINES" é un filme colectivo realizado por Laboratorio Reversible no territorio que habita: o barrio de Poble-sec en Barcelona.