Cinema

Presentación do documental «O camiño de Cova Eirós» co director Xose González Varela e o arqueólogo Arturo de Lombera

O vindeiro sábado 20 de decembro ás 17:30h proxectaremos en NUMAX O camiño de Cova Eirós, documental que se achega ao traballo da arqueoloxía a partir da descuberta das primeiras pinturas rupestres de Galicia. O pase contará con presentación e coloquio a cargo do seu director, Xose González Varela e o arqueólogo Arturo de Lombera.

En 2012, un grupo de arqueólogos descobre as primeiras pinturas rupestres de Galicia no interior da Cova de Eirós, nos Ancares lucenses. Este fito engadiu valor inmediato a un xacemento que a día de hoxe segue sendo o máis importante do paleolítico galego e que o realizador Xose González Varela xa levaba rexistrando desde 2011.

Durante unha década de gravacións, Varela fixo un seguimento íntimo e minucioso do traballo dos especialistas, e a súa convivencia coa veciñanza e o espazo natural deu lugar a O camiño de Cova Eirós, un documental de 52 minutos que ofrece unha mirada inédita sobre a arqueoloxía galega. O filme terá un pase especial en NUMAXsábado 20 de decembro ás 17:30con presenza do seu autor e do arqueólogo Arturo de Lombera, no que afondarán no proceso creativo do documental e tamén no propio traballo arqueolóxico no lugar.

Por mor da duración da peza, o evento contará cunha tarifa especial reducida de 5€ para público xeral e 3,5€ para abonadas de NUMAX.

Xose González Varela (Lugo, 1983) é técnico superior en realización audiovisual e arquitectura efémera. Comeza en 2005 como montador de documentais, programas de televisión e vídeos publicitarios. Paralelamente realiza curtametraxes experimentais polas que acada o premio "Brigante di pietra" á mellor curtametraxe no Potenza Film Festival en Italia, e nominacións nos premios Mestre Mateo e Curtocircuíto en Galicia. Na súa filmografía, ademais de O camiño de Cova Eirós, destacan as curtametraxes A viaxe (2010), Lalínea (2006) e Porcototal (2005). Tamén dirixiu o documental Viva Mones! (2009). En 2018 comeza a traballar coa artista Idoia Cuesta en proxectos relacionados coa moda, a arte e o deseño.