NUMAX, nova sede do Festival Curtocircuíto

O Festival Internacional de Cine Curtocircuíto, que neste 2015 chega á súa 12ª edición, volve a Santiago de Compostela entre o 6 e o 11 de outubro. Cunha novidade: este ano, froito da afinidade entre ambos proxectos, NUMAX participará como sede do festival, o que achegará á nosa sala algúns dos grandes nomes desta edición como Jørgen Leth ou João Salaviza

Unha escolma de títulos da produtora portuguesa O Som e a Fúria, a carta branca que o festival concede este ano a Manolo González, a sección Púlsar centrada na filmografía de João Salaviza, a participación do festival internacional de creación audiovisual de Gijón (L.E.V.) e un par de sesións da retrospectiva dedicada a Jørgen Leth. Estas son as proxeccións que terán lugar en NUMAX no marco dunha programación extraordinaria entre a que destaca a volta á cidade de Aki Kaurismäki, o director finés que xa nos visitou o pasado marzo para a inauguración da nosa sala. E faltan por sinalar, por suposto, as habituais seccións oficiais, con base no Teatro Principal: Radar, Explora e Planeta GZ.

As entradas para NUMAX pódense mercar na nosa billeteira virtual, accedendo ás fichas habilitadas para cada sección, ou presencialmente, tanto no noso propio local como na billeteira do Teatro Principal. Para maior claridade, resumimos a seguir todas as sesións ás que poderedes asistir na nosa sala:

MARTES 6 DE OUTUBRO

20:00 — O Som e a Fúria 1

MÉRCORES 7 DE OUTUBRO

20:00 — Carta Branca: Manolo González 1

22:00 — Púlsar: João Salaviza 1

XOVES 8 DE OUTUBRO

20:00 — Carta Branca: Manolo González 2

22:00 — O Som e a Fúria 2

VENRES 9 DE OUTUBRO

20:00 — Púlsar: João Salaviza 2

SÁBADO 10 DE OUTUBRO

20:00 — Jørgen Leth: Pelota II (Work in progress)

22:00 — L.E.V.

DOMINGO 11 DE OUTUBRO

17:00 — Jørgen Leth: Escenas desde América