Libraría

A escritora cubana Elaine Vilar Madruga visita NUMAX para presentar a súa novela «La tiranía de las moscas»

Na súa xira por España, a escritora Elaine Vilar Madruga fai unha parada en Santiago de Compostela. Estará na Libraría NUMAX para presentar a súa novela «La tiranía de las moscas» editada por Barrett. No acto, que terá lugar o venres 25 de marzo ás 20:30h da tarde, a autora cubana estará acompañada pola escritora Berta Dávila.

Casandra, Caleb e Calia son tres irmáns, cada cual máis insólito, que terán que aliarse para rematar coa tiranía imposta por un pai militar tartamudo e unha nai obsesionada coa psicoanálise e que os odia. A autora Cristina Morales, premio Nacional de Narrativa 2019 e premio Herralde de novela en 2018 por Lectura fácil, dixo que esta novela “fala da familia e do estado como estruturas inherentemente violentas e como aliadas no sometemento da opresión”. La tiranía de las moscas, que vén de recibir o premio Cálamo ao mellor libro do ano 2021, é unha novela sobre unha familia desquiciada, escrita en clave humorística e que se move entre a ciencia ficción e a fantasía.

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Ademais o acto será retransmitido a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Elaine Vilar Madruga (La Habana, 1989). Narradora, poeta e dramaturga. Licenciada en Arte Teatral, na especialidade de Dramaturxia polo Instituto Superior de Arte (ISA) e profesora de escritura creativa. É fundadora do proxecto de coaching literario Laboratorio de Escrituras “Encrucijada”. Na súa carreira como escritora gañou diversos premios nacionais e internacionais. A súa obra foi editada en antoloxías ao longo do mundo, publicando en editorais de países como Estados Unidos, Canadá, Cuba, República Dominicana, España, Chile, Francia, Italia e México. A súa novela máis recente, La tiranía de las moscas (Barrett, Sevilla, 2021) comercializouse exitosamente en España e Arxentina, e na actualidade prepárase a súa traducción ao italiano e ao portugués. É considerada unha das voces máis novas e máis importantes da Cuba literaria actual.