Cinema

Encontro «A cor das palabras» coa actriz galega María Vázquez

Están de volta os encontros A cor das palabras que, por oitavo ano consecutivo, organizamos co Concello de Santiago. Para abrir a edición de 2024 temos o luxo de contar coa actriz galega María Vázquez que afondará nos segredos e metodoloxías do seu traballo na aula «En busca da personaxe perdida». Será o domingo 17 ás 11:30h con entrada gratuíta e reservas en [email protected].

María Vázquez leva anos a protagonizar algunhas das obras máis suxestivas do cinema galego e español. Poucas semanas despois de ser nomeada aos Goya polo seu inesquecible papel de Ramona en Matria, de Álvaro Gago, volve ser protagonista da nosa carteleira coa emocionante Los pequeños amores, de Celia Rico, que vén de estrearse no Festival de Málaga. As súas interpretacións cheas de luz, forza e emoción, enchen cada plano destes filmes e, para o primeiro encontro A cor das palabras deste ano, queremos afondar no traballo da interpretación a partir da súa experiencia.

O encontro con Vázquez leva por título «En busca da personaxe perdida», cun subtítulo co que a actriz apela directamente ao público da sala: "viaxa comigo para coñecer a cociña dalgúns dos meus personaxes". Partindo dalgunhas das máis recentes estreas protagonizadas pola actriz e compartindo fragmentos clave na sala de cinema, María Vázquez falará da procura de referentes para os seus personaxes, o traballo co director/a, o papel da música, o traballo co corpo e mesmo unha pequena dinámica colectiva.

Como sempre nesta actividade do Concello de Santiago que neste 2024 cumpre a súa oitava edición, o acceso é libre e gratuíto até completar aforo se ben pódese facer reserva previa no correo [email protected]. A actividade terá lugar o domingo 17 de marzo ás 11:30h cunha duración estimada de 2 horas.

María Vázquez (Vigo, 1979) é unha actriz galega recoñecida tanto dentro como fóra do noso país. Cursou estudos de interpretación co actor Juan Carlos Corazza e no Teatro da danza de Madrid e de danza e música no Conservatorio da Coruña e no Royal Academy de Londres. Ten unha longa traxectoria no eido teatral e audiovisual con numerosos premios que a avalan. Ten participado en proxectos cinematográficos como Silencio Roto de Montxo Armendáriz, Mataharis de Icíar Bollaín, Deseo de Gerardo Vera, 18 comidas de Jorge Coira, Trote de Xacio Baño, Quien a hierro mata de Paco Plaza coprotagonizada por Luis Tosar co que gañou o Mestre Mateo a mellor interpretación feminina protagonista. Con Matria conquistou a Biznaga de Prata a mellor actriz protagonista no Festival de Málaga. Entre os seus galardóns destaca a nominación aos premios Goya por Mataharis e Matria, os premios Mestre Mateo por O club da calceta, Mar libre, Trote e Quien a hierro mata así como o premio do círculo de escritores cinematográficos 2007, El Ojo Crítico de Cine de RNE, o Premio Cineuropa 2019 e o Premio Especial do Xurado do Festival de Seattle entre outros.