«Episodios de Creación Contemporánea» achégase aos procesos creativos de catro artistas de Galicia e unha portuguesa
Despois do Tac, Tac, Tac e do Fóra dos museos NUMAX coordina unha nova actividade que busca a inserción de investigacións e de procesos creativos dentro do seu espazo e coa vitrina instalada no espazo da libraría como punto de partida. Este ciclo comisariado por Ángel Calvo Ulloa busca o achegamento e o debate en relación a unhas prácticas que en ocasións ven debilitada a súa mensaxe como consecuencia dunha exposición entendida como un organismo inerte. O xoves 25 de abril ás 20:00 Calvo presentará o proxecto nun Episodio #0 xunto a Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O cerne dos Episodios de Creación Contemporánea é, como o seu nome indica, a creación contemporánea nas artes visuais, e a partir dos encontros coas artistas Carme Nogueira, Jorge Varela, Diego Santomé, Rodríguez-Méndez e Carla Filipe introducirá unha serie de reflexións cuxas formas variarán ao longo dos meses. O formato das exposicións e a presentación das mesmas permitirá ao público achegarse dun xeito novidoso ás súas formas de traballo.
A partir do primeiro encontro o xoves 25 ás 20:00, os Episodios de Creación Contemporánea serán dinámicos: non só se dará a coñecer o traballo de cada artista, senón tamén as súas investigacións e procesos creativos, diferentes en cada caso. O punto de partida: detrás de cada traballo artístico existe unha investigación e unha variedade de formatos diferente para cada creador ou creadora. Cada artista ten unha pescuda, cos seus procedementos, cos seus tempos e cunhas conclusións cuxa materialización pode pasar por formas e intereses igualmente amplos. Os Episodios de Creación Contemporánea permitirannos coñecer de primeira man e en primeira persoa o xeito en que se articulan e toman forma no pensamento e no taller dos e das artistas. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña.
BIOGRAFÍAS
Miguel Anxo Rodríguez está especializado en historia da arte contemporánea e teoría da arte. Participa desde 1998 en proxectos de investigación sobre escultura contemporánea, paisaxe urbana e arquitectura, especializándose no contexto de Galicia e norte de Portugal. Ten realizado estadías de investigación en s-Hertogenbosch (Holanda) e en Winchester (Reino Unido). Traballou arredor da historia social da arte na segunda metade do século XX, con estudos sobre procesos creativos, formación artística, e confrontación entre políticas culturais e espazos de creación independentes. Autor de S-Hertogenbosch-Sargadelos: a creación en cerámica a través de dúas institucións (2000), co-editor de Espazos de creación contemporánea (2005) e de Canales alternativos de creación. Una aproximación histórica (2013). Foi coordinador entre 2007 e 2011 do máster Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, da USC.
Ángel Calvo Ulloa (Lalín, 1984) é comisario de exposicións e crítico. Como crítico escribe habitualmente para medios como El Cultural, Dardo Magazine, A-desk ou Concreta. Como comisario foi premiado nas convocatorias Comisart 2016 pola fundación La Caixa (Barcelona); Inéditos 2014 por La Casa Encendida (Madrid) e en 2015 na Convocatoria de Artes Visuais do Centro Cívico Can Felipa (Barcelona). Entre 2011 e 2019 comisariou proxectos para institucións como CA2M (Madrid), La Casa Encendida (Madrid), MARCO (Vigo), Caixaforum (Barcelona), MNAC (Barcelona), Tabacalera (Madrid), Centro de Arte Alcobendas (Madrid), La Nau (Valencia), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Fundación Granell (Santiago de Compostela) ou CAB (Burgos). Ten participado das residencias Tokonoma Apartment, Kasel (2014); International Curator Residency de Fire Station Artists Studios, Dublin (2015); Komisario Berriak en Tabakalera, Azkuna Zentroa e ARTIUM, País Vasco (2016) e da Residência Paulo Reis de Ateliê Fidalga, São Paulo (2017). Actualmente prepara xunto co comisario Juan Canela o libro CONVERSA. Ideas, experiencias y afectos en torno a lo curatorial para a colección Paper da editorial Consonni (Bilbao) e o proxecto La cuestión es ir tirando, para o Centro Cultural de España en México.
Escoita aquí a presentación dos «Episodios de Creación Contemporánea».