Cinema

Foco Ari Aster para acompañar a estrea de «Beau ten medo»

Este venres 28 de abril estreamos un dos filmes máis misteriosos e agardados da tempada: Beau ten medo, protagonizado polo gran Joaquin Phoenix. Para acompañar a estrea, durante a fin de semana imos celebrar pases especiais de Hereditary e Midsommar, os dous filmes que deron recoñecemento mundial ao seu director, Ari Aster.

Con apenas 36 anos e tres longametraxes no seu haber, o neoyorkino Ari Aster pode considerarse como un dos grandes renovadores do cinema de terror actual. En 2018 asinaba a arrepiante Hereditary, na que «as súas imaxes non aterran por macabras ou fortuítas, senón porque parecen conectar con algo fondo e escuro que se nos escapa por completo» (Fotogramas). O filme, un dos máis influentes do terror contemporáneo, terá pase especial en NUMAX na noite do sábado 29 de abril.

A segunda cita coa apaixonante filmografía de Aster recolle a mellor tradición do horror folk para conducirnos a unha remota aldea de Escandinavia onde se celebra un misterioso festival cada 90 anos. O que comeza como unhas vacacións soñadas nun lugar no que o sol non se pon nunca, pouco a pouco se converte nun escuro pesadelo. Midsommar poderá gozarse na nosa pantalla o domingo 30 de abril.

E por suposto, a gran cita da semana seráo venres 28 coa estrea de Beau ten medo unha alucinante travesía a través da mente dun home que terá que enfrontarse aos seus propios medos e paranoias. Joaquin Phoenix é o gran protagonista dunha estrea chea de segredismo definida polos poucos críticos que a puideron ver como «impresionante, inesperada e inaudita» (The Wrap).

Velaquí as citas co cinema de Ari Aster para as que xa podes reservar entrada: