Cinema

Gabe Klinger visita o Cinema NUMAX este domingo 11 de outubro.

Este domingo 11 de outubro acolleremos en NUMAX a Gabe Klinger, que presentará no Cinema NUMAX o seu último filme "Double Play: James Benning & Richard Linklater".

O filme forma parte da serie de referencia creada por Janine Bazin e André S. Labarthe Cinéma, de notre temps, composta por retratos de cineastas filmados por outros cineastas para trazar un percorrido desde inicios do século XX que alcanza os nosos días.

Double Play: James Benning & Richard Linklater presentouse no Festival de Venecia de 2013, onde recibiu o galardón ao mellor filme documental.

De entrada, a conexión pode non semellar evidente, mais en canto se xuntan os dous ben vemos que James Benning e Richard Linklater son vellos amigos. Linklater viña de rematar Before Midnight, que pechou a triloxía que levaba filmando os últimos 20 anos. Pero cando creou o cineclube da súa vila de Austin, Texas en 1985, o primeiro cineasta que convidou foi o minimalista James Benning.

Gabe Klinger (São Paulo, Brasil, 1982) é profesor, crítico e programador. Estudou cinema na Universidade de Illinois e no Columbia College de Chicago. Double Play: James Benning & Richard Linklater é o seu primeiro traballo como director, e xa está a piques de rematar os seus novos proxectos.