Helena Salgueiro e Branca Trigo presentan «Amor palimpsesta» e «Mundo carne» na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle a copresentación dos libros Amor palimpsesta (Espiral maior) de Helena Salgueiro e Mundo carne (Malafera) de Branca Trigo o xoves 22 de xaneiro ás 19:30h. Este evento celébrase no marco da actividade da Asociación Aleph, coorganizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA), que leva por título "Restos de letra e carne: memoria, creación e materia poética. Conversa e recital con Helena Salgueiro e Branca Trigo". Pódese consultar aquí o programa completo. A entrada é libre ata completar aforo.
Helena Salgueiro, nada no 1995, directora escénica, poeta, performer, dramaturga e investigadora. O seu interese pola intermedialidade lévaa a estudar literatura e teoría literaria, danza, dramaturxia, música, violín e teatro físico en universidades, conservatorios, escolas de danza e cursos de compañías de teatro entre Galiza, Francia, Escocia, Dinamarca, Polonia. O seu traballo focalízase na performatividade do corpo e do xénero a través do movemento e a linguaxe, flutuando entre creacións máis escénicas, a escritura e a performance art. Inicia a andadura da súa propia compañía no 2022, na que dirixe e actúa, estreando a coprodución co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro do Alentejo de Come & Go. No traballo da escrita, Helena Salgueiro publicou dous poemarios e unha obra de teatro, ademais de traducir a Kieran Hurley ao galego e participar en publicacións académicas e antoloxías de poesía galega contemporánea. Imparte workshops e da conferencias en distintas universidades, festivais e museos (UDC, USC, UCLM, CGAC, Curtocircuíto etc.). Amor palimpsesta (Espiral maior), XXIV Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, é o seu último poemario.
Branca Trigo (Vigo, 1997) Codirixe a editorial Malafera, na que publicou o seu libro Coñecemento do Medo en 2021. O seu segundo poemario, Condolore, veu a luz no ano 2022 da man da editora Urutau. Participou en diversas publicacións colectivas como o volume A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 (Catroventos, 2023) e a antología LGBTQIA Alguén nos lembrará (Xerais, 2023). Gañou certames de poesía como o do Concello de Carral e da Universidade de Vigo. En 2025, publicou o poemario Mundo Carne (Malafera) e antoloxía Vomiteu Deus (Eolas Horizontes). O seu traballo está ligado á experimentación formal e ao diálogo con outras disciplinas.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Hamnet
VOSE
-
-
A rapaza zurda
VOSE
-
-
Hamnet
VOSE