Libraría

Julio Pérez Manzanares presenta «JUAN HIDALGO Y ZAJ. Arte Subversivo Durante el Franquismo [ETCÉTERA]»

O venres 14 de decembro ás 20:00 a Libraría NUMAX acolle a presentación de JUAN HIDALGO Y ZAJ. Arte Subversivo Durante el Franquismo [ETCÉTERA], coa presenza do seu autor, Julio Pérez Manzanares e os responsábeis de Discos Transgénero, que veñen de reeditar Rrose Selavy, de Juan Hidalgo. Posteriormente no Café Bar El Muelle, coorganizador deste evento, poderemos escoitar unha selección de temas de Discos Transgénero.

JUAN HIDALGO Y ZAJ Arte Subversivo Durante el Franquismo [Etcétera] é a primeira biografía artística dedicada a analizar a obra de Juan Hidalgo tanto individualmente como no grupo zaj, mostra da arte experimental dos anos sesenta na órbita conceptual de Fluxus e John Cage. Dada a importancia da cuestión sexual na vida e obra de Hidalgo, neste traballo analízase a mesma de maneira sistemática a partir das novas teorías de xénero e queer, achegando unha nova perspectiva crítica tanto sobre a obra de Hidalgo como da súa recepción por parte da propia historiografía de xénero en España.

Para falar de Juan Hidalgo (Las Palmas de Gran Canaria, 1927-Ayacata, 2018) non cabe outro apelativo que o de «poeta raro»: aquel capaz de transformar a realidade por medio da linguaxe até facela funcionar como un koan zen: o enigma cuxa soa formulación xa é o paso cara ao camiño do satori e a iluminación. Contaxiado da filosofía do seu «pai», John Cage, de Duchamp, Satie, a filosofía oriental ou o anarquismo, soubo atopar o verdadeiro valor e potencial do silencio, do que non se di –porque non é necesario dicir, ou non pode dicirse–, especialmente nunha época na que a censura política e a sanción de sexualidades contrahexemónicas estaba mesmo penada legalmente. Sendo unha das figuras máis importantes da música e a escritura experimental española, as súas exploracións levaranlle a dar forma co grupo zaj ao teatro e a fotografía de acción nas que o corpo e a importancia do sexo cobrarán unha importancia que nada ten que envexar as producións que unha década despois se converterán en paradigmáticos dos discursos identitarios promovidos pola escena e crítica internacional.

Julio Pérez Manzanares (Segovia, 1983) é Doutor en Historia da arte pola Universidade Complutense de Madrid e cursa actualmente estudos en Filosofía. Especialista en arte contemporánea, historiografía e teoría de xénero e cultura visual, exerceu como comisario independente e colaborador en exposicións como El papel de la Movida, 2013, La persona y el verbo: 20 años después de la muerte de Jaime Gil de Biedma, 2010, Viaje alrededor de Carlos Berlanga, 2009, Common People: visiones (versiones) del presente, 2009 ou La Movida, 2007. É autor dos libros Costus: You are a Star, 2008/2016), Una temporada en lo moderno, el silencio de Rimbaud, 2011, Drácula Superstar: biografía cultural de un mito moderno, 2014 e Mirar con un ojo cerrado, 2017. O presente texto naceu como froito da súa tese doutoral dedicada ao labor artístico de Juan Hidalgo e o grupo zaj.