NUMAX

Luis López Carrasco, próximo convidado do ciclo A Cor das Palabras

Continuamos coa programación do ciclo A Cor das Palabras, que organiza o Concello de Santiago de Compostela en colaboración con NUMAX. Este domingo 22 de novembro ás 11:30 acolleremos a aula do produtor, director e guionista Luis López Carrasco, baixo o lema «Repetir o irrepetible. Formas cinematográficas para reconstruír a Historia».

Como pode o cinema, unha arte do presente, aproximarse ou representar a memoria desaparecida dunha comunidade? Cal é o seu potencial e cales as súas limitacións? O proceso de concepción de El año del descubrimiento e os traballos previos do realizador reflexionan sobre a posibilidade dun cinema como reescritura ou reformulación das imaxes do noso pasado recente.

Para participar como público da aula A Cor das Palabras é preciso inscrición previa no correo [email protected], indicando nome completo e número de contacto. O acceso é de balde. Doutra banda, aproveitaremos a visita do cineasta para presentar e manter un coloquio con el a propósito da estrea de El año del descubrimento en NUMAX o día anterior á aula, sábado 21, ás 16:00 h. O filme terá tres pases únicos en NUMAX para os que xa podes conseguir a túa entrada.
 

 

Luis López Carrasco (Murcia, 1981) foi co-fundador do colectivo audiovisual Los Hijos, dedicado ao cinema documental experimental. O seu traballo como director foi proxectado en numerosos festivais internacionais como Locarno, Rotterdam, New York, BAFICI ou Viennale e centros de arte contemporáneo como Georges Pompidou, Guggenheim Bilbao ou Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. O Festival Internacional de Mar del Plata (Argentina), Distrital (México), Lima Independiente (Perú), 3XDOC, CGAI e Arteleku teñen dedicado retrospectivas á obra de Los Hijos. Recibiu o Underground Spirit Award ao conxunto da súa carreira no European Film Festival Paliç. A primeira longametraxe do colectivo, Los materiales, gañou o premio Jean Vigo é mellor dirección do Festival Internacional Punto de vista de Navarra 2010 e a Mención especial do Xurado de FiD Marseille 2010. A revista Cahiers du Cinema seleccionouno como un dos mellores filmes internacionais de 2010 na categoría “Cine invisible” (películas sin distribución comercial).

El futuro, primeira longametraxe en solitario de López Carrasco, foi estreada en Locarno en 2013 e premiada en BAFICI 2014, Lima Independiente 2014, Festival de Invierno de Uruguay 2014 e IBAFF 2014.
É co-produtor de True Love, (Ion de Sosa 2011), Mellor Película no Festival Márgenes 2012 e Lima Independiente 2012 e produtor de Sueñan los androides, (Ion de Sosa, 2014) estreada en Berlinale Forum 2015.

O seu último traballo, El año del descubrimiento, está chamado a ser un dos filmes máis importantes do cinema político no Estado español. Gañou o Gran Premio do Festival de Cinema Du Reel, como Mellor Filme en Bogotá 2020 (Mellor filme), e como Mellor Documental no Festival Internacional de Cine Documental Thessaloniki, entre outros galardóns. No 1992, dez anos despois da victoria de Felipe González, e cando España se preparaba para recibir os Xogos Olímpicos de Barcelona e a EXPO de Sevilla, en Cartaxena vivíronse disturbios e manifestacións que remataron cunha queima na sede da Asemblea Rexional. A acción transcorre nun café desta cidade, onde se fala sobre as condicións de traballo, as adiccións, a contaminación, o multiculturalismo, o franquismo, etc. En palabras do propio director, “o filme preséntase como un ágora onde a cada cidadán e cidadá ten unha voz, e onde poden coexistir puntos de vista contraditorios” (surescuela.com).