Manuel Rivas escribirá na máquina da Libraría NUMAX o seu Tac, tac, tac
A segunda entrega do Tac, tac, tac ten como convidado ao escritor coruñés Manuel Rivas que escribirá en directo un conto mecanografado que só se poderá ler no espazo físico da Libraría NUMAX. O acto terá lugar o xoves 2 de marzo ás 18:00 e ten libre acceso. A actividade enmárcase na iniciativa comisariada por Suso de Toro que trae cada mes a un escritor ou escritora do noso panorama literario.
O Tac, tac, tac da Libraría NUMAX nace como unha proposta de Suso de Toro que busca preservar a experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario. Deste xeito, os relatos elaborados polas autoras convidadas de xaneiro a novembro deste ano «converteranse nalgo case máxico, que só pode ver indo a un lugar, como se fose sagrado», explica De Toro. Cada texto elabórase na máquina de escribir situada a carón do escaparate da Libraría NUMAX e apenas hai indicacións previas, permitíndose os borróns e correccións manuscritos que farán de cada texto un obxecto único.
O texto de Rivas ocupará o lugar do creado por Margarita Ledo Andión o pasado mes de febrero cando botou a andar a actividade. As obras resultantes desta singular experiencia creativa permanecerán durante un mes encol da máquina de escribir na que calquera visitante da Libraría poderá achegarse a lelo. O papel será o único soporte de lectura duns textos que non serán dixitalizadas nin difundidas polas redes sociais. Un conto, nun lugar, nun límite de tempo: o Tac, tac, tac.
O escritor convidado para a abril será Xabier P. DoCampo.
Manuel Rivas
(A Coruña, 1957) É xornalista, escritor e membro da Real Academia Galega. Considerado como unha das voces máis sobresaíntes da literatura galega contemporánea, a súa obra ten acadado grande proxección internacional con traducións a máis de vinte idiomas. Rivas destaca especialmente no campo da narrativa con máis de 20 novelas publicadas entre as que podemos salientar Que me queres amor? (Premio Nacional de Narrativa 1996) O lapis do carpinteiro (Premio da Crítica Española 1998) ou Os libros arden mal (Premio da Crítica de Galicia e Española 2007). Tamén destacan os seus libros de poesía e ensaio ademais dun amplo e prestixioso traballo como articulista en prensa xeralista e especializada que o levan a acadar numerosos premios xornalísticos como o Xulio Camba en 2002.