Libraría

Encontro co cantante Marco Beasley

Dentro da programación paralela do ciclo De Lugares e Órganos, organizado pola Concellaría de Acción Cultural de Compostela, terá lugar, na Libraría NUMAX o xoves 29 de marzo ás 20.00 h, un encontro informal co cantante Marco Beasley, a quen acompañará a cantante Rosana Orsini. 

Trátase dun espazo de música e conversa, que servirá de antesala ao concerto, que terá lugar o venres 30 na Igrexa da Universidade. Neste encontro teremos oportunidade de sentir a voz do poliédrico e carismático cantante Marco Beasley a través da narración das súas experiencias musicais e vitais, nun espazo moderado pola cantante de orixe brasileira e membro do grupo de música antiga Favola d’Argo, Rosana Orsini.

Marco Beasley

Nacido en Portici, preto de Nápoles, en 1957, de pai inglés e nai napolitana, a súa paixón polo canto lévao, ao final dos anos setenta, a cursar estudos de música e de diferentes disciplinas relacionadas co espectáculo na Universidade de Boloña e a afondar no estudo da literatura dos séculos XV e XVI. O seu interese centrarase no estudo de dous dos aspectos estilísticos máis importantes do Renacemento tardío: o chamado “recitar cantando” e as técnicas e recursos propios da polifonía sacra e profana deste período. Deste xeito, axiña comeza unha activa carreira concertística que o levaría por algúns dos máis reputados escenarios e salas de concerto do mundo, como o Mozarteum de Salzburgo, o Concertgebouw de Amsterdam, a Accademia di Santa Cecilia de Roma ou o Lincoln Center de Nova York.

Se ben a súa ascendencia anglosaxona fornece á súa voz, xa de por si chea de carácter e paixón, unha marabillosa capacidade de control, unha sensibilidade particular e un timbre refinadísimo, que lle permiten utilizar unha ampla paleta de cores en todo o rexistro da voz, durante o seu período universitario nace tamén unha especial paixón pola riquísima tradición musical do sur de Italia, a súa terra natal, o que contribuirá a darlle un corte específico á súa formación. Daqueles anos data o seu importante encontro con Cathy Berberian, inesquecible protagonista da cultura e da música contemporánea, que será a súa mestra por un breve período. A prematura desaparición desta artista actúa, porén, como catalizador para a descuberta dun rico patrimonio co que comezar experiencias musicais eclécticas, o que lle permitirá acadar unha personalidade artística inconfundible, na que resulta difícil adiviñar se prevalece a maxia dunha voz incriblemente fermosa, a presenza dunha gran forza comunicativa ou o seu extraordinario control da escena. Unha personalidade na que se combinan as facetas de cantante, actor e escritor, e unha maneira de facer música que bebe dunha fonda alegría de vivir, das raíces napolitanas dun espírito libre e do desexo de confrontar os mundos da música e da literatura.

A súa versátil voz combina unha pureza inconfundible de timbre xunto cunha moi particular técnica vocal, que é o resultado dunha profunda investigación histórica e, ao tempo, dun intenso estudo individual e do amor polas palabras. Desde o canto gregoriano até a polifonía, ou as frótolas e motetes do século XVI, en todos estes ámbitos Beasley deixa patente as súas grandes calidades vocais e interpretativas, sendo quen de abranguer un amplo e variado repertorio.

A súa discografía xira, na súa maior parte, arredor do grupo Accordone, que fundou en 1984 canda Guido Morini e Stefano Rocco e que sería un dos piares fundamentais da súa actividade artística. En 2014 deixa esta formación e aventúrase cun traballo máis persoal e independente, froito do cal é a gravación do CD Il racconto di mezzanotte, e dos traballos posteriores, Le strade del cuore (2016) e Catarì, Maggio, l'Ammore (2017), cos que inicia un proxecto de autoedición con series numeradas.