Cinema

A 17 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico vívese en NUMAX

Un ano máis temos a honra de ser unha das sedes da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, cun total de seis sesións entre o martes 29 de marzo e o sábado 2 de abril.

Cada primavera a MICE ofrece á cidade de Santiago unha programación arriscada e diferente que achega a cinefilia da cidade a diferentes expresións de cinema etnográfico e da antropoloxía visual. En NUMAX levamos varios anos sendo unha das principais sedes do certame e, neste 2022, ampliamos a nosa colaboración co festival acollendo un total de seis sesións que se repartirán entre o martes 29 de marzo e o sábado 2 de abril. O acceso ás sesións é gratuíto até completar aforo e pódese reservar praza na nosa web ou en billeteira cun máximo de 2 entradas por persoa. Na hora de inicio de cada sesión as butacas non ocupadas serán asignadas entre a listaxe de agarda, caso de ser necesario.

Martes 29 de marzo | 20:00 | Sección Oficial Galicia
Resonancias do pasado (Antonio Caeiro / Margarita Teijeiro, 66')
A través de vellas películas que gardaba a veciñanza de Vilagarcía de Arousa e que doaron á asociación O Faiado da Memoria, reconstrúese a vida dun pobo que xa pouco ten que ver con aquel que se representa. O filme compón e descompón un crebacabezas de vivencias e espazos que van dos anos 20 aos 80 e que un grupo de persoas de distintas idades, reunidas arredor dun proxector nun hipotético salón dunha casa, van vendo e comentando as imaxes. A sesión contará con presentación e coloquio dos seus autores.

Mércores 30 de marzo | 20:00 | Sección Oficial Internacional
Pedra Pátria (Macià Florit, 75')
Pedra pàtria é unha reflexión autobiográfica ao redor da identidade menorquina. A partir dunha colección de cartas, Macià, un cineasta que vive na cidade, escarba a historia persoal e as sublimes paisaxes de Menorca que comparte co seu irmán pequeno, Lau, que decidiu ser campesiño na illa onde naceron.

Xoves 31 de marzo | 18:00 | Sección Trazas
Hands: Shannon on design + Classe de lutte (David e Sally Shaw-Smith + Cris Marker e Groupe Medvedkine de Besançon, 66')
Na primeira das pezas da sesión, David e Sally Shaw-Smith documentaron máis de corenta artesanías tradicionais irlandesas. Neste capítulo Jimmy Furey, un antigo pescador de anguías, constrúe un barco de vela baseado nun barco tradicional de pesca do río Shannon de 18 pés. O documental recolle o proceso de construción do barco.
A segunda fita lévanos a marzo de 1967, cando Chris Marker recibe unha carta do Centro Cultural do Pobo, que estaba implicado na ocupación da fábrica de Rhodiaceta en Besançon, solicitando que as súas películas fosen proxectadas na fábrica. Marker acepta e viaxa á fábrica, para, unha vez alí, coller a cámara de 16 mm e filmar a folga. Este acto levará á película "A bietot j'espere" (1968) pero, sobre todo, á unión de traballadores e cineastas para a creación conxunta de películas militantes, baixo o nome de Grupos Medvedkine. Da primeira sección, a de Besançon, xorde a curtametraxe "Classe de lutte". Este traballo segue a creación dunha sección sindical da CGT nunha fábrica de reloxos de Besançon na que a traballadora Suzanne Zedet, loita por mobilizar ás demais mulleres da fábrica.

Xoves 31 de marzo | 22:00 | Sección Oficial Internacional
Mis barrios altos queridos (Jimmy Valdivieso, 79')
Cinco historias sobre a dignidade na capital do Perú. Unha dirixente veciñal buscando a quen deixar o posto do seu complexo labor, un guía turístico especializado no patrimonio arquitectónico e a música criolla, un exdelincuente rescatado pola igrexa evanxélica, unha adolescente danzante de música afroperuana obrigada a emigrar e un muralista de Belas Artes fillo de migrantes andinos, tratan de saír adiante en Barrios Altos, a veciñanza histórica máis temido –pero tamén máis querido– de Lima.

Venres 1
de abril | 18:00 | Sección Oficial Internacional
Room Without a View (Roser Corella, 73')
A película relata a terrible realidade das traballadoras domésticas estranxeiras en países de Oriente Medio, como o Líbano. Ao combinar unha multitude de perspectivas, ofrece unha visión íntima da vida privada das persoas empregadoras, axentes e empregadas domésticas. Desde o marco legal que crea unha estrutura de poder e control que propicia a corrupción e os abusos, analizando os patróns arquitectónicos da cidade fundados no racismo, até a esfera privada da casa que serve para reproducir un sistema patriarcal que discrimina as mulleres libanesas e que, á súa vez, socava os dereitos das traballadoras domésticas estranxeiras no fogar. Expoñendo as formas modernas de escravitude, tamén reflexiona sobre o papel das mulleres e o traballo doméstico en xeral nas Sociedades Capitalistas.

Sábado 2 de abril | 18:00 | Sección Trazas
El mar de los peces. Notas sobre el Gran Sol (Ferran Llagostera, 100')
Material inédito gravado durante a rodaxe do filme Terranova, do mesmo autor. En 1988, o catalán Ferran Llagostera dirixiu "Gran Sol", unha historia situada nun barco pesqueiro que dirixía aos grandes bancos de pesca norte e que narraba as historias dos mariñeiros embarcados nel. Tres anos máis tarde, o director chamou a varios dos protagonistas desta película (Bisquert, Lucena, Iriondo) para rodar "Terranova", unha historia moi similar pero inspirada na novela "Ola mar es mala mujer” de Raúl Guerra Garrido. Presentación e coloquio co director.