Libraría

Miqui Otero presenta «Rayos» na Libraría NUMAX

O escritor catalán de orixe galega Miqui Otero visita a Libraría NUMAX para presentar o seu último libro, Rayos, que tras vender máis de 4.000 exemplares terá unha nova reimpresión. O acto terá lugar o xoves 3 de novembro ás 20:00 e contará coa presenza do xornalista Juan Tallón.

Logo de máis de 4.000 exemplares vendidos, Rayos, novela do escritor catalán de orixe galega Miqui Otero, terá unha nova reimpresión que será presentada na Libraría NUMAX polo propio autor. En Rayos, editada por Blackie Books, superpóñense tres planos temporais, de 1974 a 2008: a historia dos pais do narrador no momento en que emigran de Galicia a Barcelona; as lembranzas da infancia, adolescencia e primeiras xoldras de catro amigos e a historia do presente. Otero retrata unha realidade complexa cunha mirada luminosa, calidoscópica, sutil e, sobre todo, viva.

Miqui Otero (Barcelona, 1980) debutou en 2010 coa aplaudida novela Hilo musical (Alpha Decay), premio Novo Talento FNAC, e dous anos após chegou La cápsula del tiempo (Blackie Books), que tras ser elixido libro do ano en Rockdelux e entrar na listaxe dos dez mellores de cabeceiras como ABC, na súa terceira edición leva vendidos máis de 10.000 exemplares. Colabora habitualmente en medios como El País e Cultura/s La Vanguardia e como columnista en El Periódico. Con Rayos, a súa novela máis íntima pero tamén a máis ambiciosa, consolídase como unha das voces máis sobresalientes e imaxinativas do panorama literario español.