Libraría

Miriam Reyes presenta «La edad infinita» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de La edad infinita (Tránsito) de Miriam Reyes o xoves 11 de decembro ás 19h. A autora estará acompoañada pola poeta Olalla Cociña. A entrada é libre ata completar aforo.

É 1983. Unha nena de oito anos sobe a un avión e aterra alén do océano, onde descobre o que significa ser estranxeira. Naquel momento non perde a inocencia senón a idea de continuidade. Os seus puntos de referencia desaparecen, pero tamén a embriaga todo o novo. O seu desexo é pertencer, ser adoptada por unha terra que ese mesmo ano se despide da estabilidade económica que a convertía en reclamo para a migración de todo o planeta e esperta á realidade asfixiante da débeda externa. Para os pais, a experiencia da emigración é radicalmente distinta á da nena. O seu desexo é facer diñeiro e volver con el ao seu país, como tantos antes que eles. Non saben que chegan tarde. A casa, aos poucos, vólvese un territorio hostil; fóra, nas rúas, calquera tipo de violencia comeza a ser posible. Moitos anos despois, esa nena, hoxe adulta, mira atrás. Busca volver a aquel país que conseguiu amar e do que acabou fuxindo. Pregúntase que ocorreu para que unha terra de acollida acabase convertida en lugar de éxodo.

La edad infinita é unha novela de aprendizaxe, confesión de amor a un país de acollida e testemuña do dó polo paraíso perdido. No seu debut en prosa, Miriam Reyes atrápanos coa escritura afiada e orixinal que a caracteriza e debuxa unha narradora cunha voz que deixa un eco que perdura.

Miriam Reyes naceu en Ourense. É poeta, editora e tradutora. Publicou varios libros de poesía, entre os que destacan Bella durmiente (finalista do XIX Premio de poesía Hiperión, Madrid, Hiperión, 2004) e Desalojos (Madrid, Hiperión, 2008). É gañadora do Premio Nacional de Poesía 2025 con Con (La Bella Varsovia, 2024), e foi incluida en importantes antoloxías de poesía contemporánea. La edad infinita é a súa primera novela.

Fotografía: Susi García Quintáns