Dobre sesión de zombies e Serie B no Samaín de NUMAX
No Cinema NUMAX non faltamos á cita co Samaín cunha dobre sesión especial que terá lugar na noite do martes 31 de outubro e se prolongará até ben pasada a medianoite. Proxectaremos dúas pezas de culto de John Carpenter e George A. Romero con tarifa especial reducida se colles entrada para ambos pases.
Na noite do 31 de outubro a sala NUMAX adéntrase no Samaín, unha tradición festiva para celebrar o cambio de estación pero que tamén ten o seu lado máis escuro co regreso das almas dos defuntos ao mundo dos vivos. Seguindo esta tradición, a noite de NUMAX acolle dous clásicos do cinema de zombies que nos acompañarán até ben entrada a noite. Se reservas entrada para os dous filmes poderás gozar dunha tarifa reducida de 9€ (4,5€ por pase) e 7€ (3,5€ por sesión) para abonadas da cooperativa. Promoción só aplicable nas compras en billeteira. Velaquí a nosa proposta
Martes 31 de outubro | 22:00h
Asalto á comisaría do distrito 13 (John Carpenter, 1976, 90', VOSE)
Un policía de Los Angeles recibe o seu primeiro destino nunha comisaría que está a ser trasladada a un novo edificio. Nada parece enturbiar a paz do lugar, até a chegada dun furgón que custodia un famoso criminal que debe pasar a noite na comisaría. O director de Halloween asina un filme de culto da serie B inspirado por Rio Bravo, de Howard Hawks, e A noite dos mortos viventes, de George A. Romero.
Martes 31 de outubro | 23:50h
O día dos mortos (George A. Romero, 1985, 102', VOSE)
Os zombies apoderáronse do planeta e o número de humanos redúcese a un por cada 400.000 mortos viventes. Un pequeno grupo de científicos e militares refúxiase nunha antiga instalación subterránea do goberno. Alí tentan contactar sen éxito con outros grupos de superviventes. Clásico do cinema de zombies dirixido polo cineasta de orixe ferrolá George A. Romero ―director d'A noite dos mortos viventes (1968)―.