Cinema

Foco Nouvelle Vague, as orixes do movemento

Continuamos a percorrer, en estupendas copias restauradas, os movementos máis importantes da historia do cinema. Os últimos martes de xaneiro a maio achegarémonos ás orixes da Nouvelle Vague francesa, con obras de Jean-Luc Godard, Agnès Varda, Chris Marker, Jacques Rivette e moitos máis. A segunda cita co ciclo, o martes 22 de febreiro cunha selección de curtametraxes.

Na década dos 50 un grupo de mozos entusiastas pola vida e o cinema fundaban, xunto ao histórico crítico André Bazin, a máis célebre revista de cinema: Cahiers du Cinéma. No consello de redacción desta publicación coñecéronse uns novísimos Jean-Luc Godard, François Truffaut ou Jacques Rivette que, a finais dos 50 e inicios dos 60, fundarían a Nouvelle Vague, un movemento fundamental que deu o pistoletazo de saída ao cinema moderno. Partindo dunha insubornable cinefilia que os levaba a admirar e diseccionar obras de Hitchcock ou Hawks, os mozos cineastas foron subvertendo todos os códigos do cinema clásico permitindo que a improvisación ou a liberdade creativa fosen protagonistas do seu cinema.

O foco Nouvelle Vague, as orixes do movemento, que programamos en colaboración coa distribuidora Proserpa, inclúe 5 sesións nas que poderemos gozar, en copias restauradas, de filmes esenciais para entender o movemento. Os pases terán lugar os últimos martes de cada mes, de xaneiro a maio, e o seu visionado inclúese no ciclo Os ollos verdes co que o estudantado da USC pode acadar 1 crédito ECTS. Velaquí o menú que temos preparado:

Martes 25 de xaneiro
Vivir a súa vida (Vivre sa vie, Jean-Luc Godard, 1962, 83')
Arrancamos cunha das obras mestras de Godard, na que seguimos as aventuras de Nana, unha moza de provincias que abandona o seu marido e o seu fillo para tentar iniciar unha carreira como actriz en París. Inesquecible o papel da eterna e recentemente desaparecida Anna Karina.

Martes 22 de febreiro
Sesión composta por 4 curtametraxes de ficción coas que se deron a coñecer Godard, Truffaut e Rivette ou actores tan emblemáticos como Jean-Paul Belmondo:

  • Unha historia de auga (Une histoire d'eau, Jean-Luc Godard & François Truffaut, 1961, 18')
  • Charlotte e o seu Jules (Charlotte et son Jules, Jean-Luc Godard, 1960, 13')
  • Mate do pastor (Le coup du berger, Jacques Rivette, 1956, 28')
  • Todos os mozos chámanse Patrick (Charlotte et Véronique, ou Tous les garçons s'appellent Patrick, Jean-Luc Godard, 1959, 21')


Martes 29 de marzo
Catro pequenas alfaias do cinema documental que nos achegan ao xenio creativo de Resnais, Pialat, Varda e Marker:

  • Toda a memoria do mundo (Toute la mémoire du monde, Alain Resnais, 1956, 21')
  • O amor existe (L'amour existe, Maurice Pialat, 1961, 20')
  • Oh estacións, oh castelos (Ô saisons, ô châteaux, Agnès Varda, 1958, 20')
  • A sexta cara do Pentágono (La Sixième Face du Pentagone, Chris Marker & François Reichenbach, 1967, 25')
     

Martes 26 de abril
Combinación de curtas de ficción e documental que serven como retrato da sociedade do seu tempo:

  • As viúvas de 15 anos (Les veuves de 15 ans, Jean Rouch, 1965, 24')
  • O canto do estireno (Le chant du Styrène, Alain Resnais, 1957, 14')
  • Janine (Janine, Maurice Pialat, 1962, 16')
  • Á memoria do rock (À la mémoire du rock, François Reichenbach, 1963, 11')


Martes 31 de maio
L'eau à la bouche (Jacques Doniol-Valcroze, 1960, 95')
Presentación dun filme inédito en España dirixido por un dos fundadores de Cahiers du Cinéma, con banda sonora de Serge Gainsbourg.