Cinema

NUMAX acolle a presentación do filme e o libro-dvd Pelerinaxes co seu director

Fotografía: NOVEOLAS

O director italo-galego Simone G. Saibene presentará este luns 6 de febreiro ás 19:00 a súa longametraxe. Tras a proxección, ás 20:30, haberá un pequeno coloquio e unha presentación na Libraría NUMAX do libro-dvd homónimo.

Simone G. Saibene presenta no Cinema NUMAX o seu filme Pelerinaxes, unha peza a cabalo entre a ficción e o documental inspirada no libro Pelerinaxes I, e que fai o mesmo camiño que fixeran en 1927 Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.

No acto, que dará comezo ás 19:00, participará a actriz Isabel Risco, que forma parte do elenco dunha peza que mestura, en palabras do seu director, «o cinema on the road, a literatura de viaxes e o amor pola cultura galega».

Tras a proxección do filme a Libraría NUMAX acollerá ás 20:30 a presentación do libro-DVD homónimo, publicado pola editorial Galaxia.

Protagoniza a longametraxe a actriz lucense Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André, para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto a un compañeiro, falecido anos atrás nun accidente. Pelerinaxes alterna o traxecto realizado pola protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego coma Laura Tato, Valentín Carrera, Patricia Chachero, Susana Reboreda, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Pablo Gallego, Luis Martínez Risco ou Alberto Allegue. Ademais da actriz Carmen Méndez, conforman tamén o reparto desta película Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco.

A banda sonora de Pelerinaxes foi composta por Daniel Minimalia, Ruxe-Ruxe, MCarballo, Elena Domínguez e Miguel Álvarez e foi gravada integramente en directo.

Simone Saibene naceu no norte de Italia en 1977. Desde 2010 vive en Ourense, onde fundou a produtora e distribuidora Noveolas Producciones S.L. A súa última longametraxe, 9 ondas, data de 2013. Foi tamén encargado da distribución do documental Frankenstein-04155, de Aitor Rei, gañador do premio do público en Cineuropa 2015 e dunha mención especial na última edición da Seminci de Valladolid.