NUMAX

Ana Vaz, João Nicolau, Jonás Trueba e Abbas Fahdel protagonizan as Aulas «Os ollos verdes» de outubro

As catro Aulas «Os ollos verdes» programadas en NUMAX para o mes de outubro permitirannos afondar no traballo creativo doutros tantos cineastas novos cuxas olladas comezan a sobresaír no panorama contemporáneo. As dúas primeiras Aulas do mes inclúense na programación de Curtocircuíto 2016 e todas elas conta co apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela​ e a Deputación da Coruña.

O luns é o día da Aula «Os ollos verdes» do mes de outubro, cun total de catro masterclass nas que cineastas de gran relevancia no panorama internacional afondarán nos pormenores do seu traballo creativo. A primeira visita correrá a cargo da cineasta e artista visual brasileira Ana Vaz, cuxa presenza en NUMAX conta coa colaboración do Festival Curtocircuíto. O traballo desta moza directora adoita moverse na fértil fronteira que se sitúa entre as belas artes e o cinema, interrogándose unha e outra vez pola relación entre cinema e linguaxe, nunha lectura pormenorizada do legado arquitécnico como expresión do poder. A Aula con Ana Vaz terá lugar o luns 3 outubro ás 17:30 horas e o seu traballo poderá verse na sección Púlsar de Curtocircuíto en dúas sesións que terán lugar no Cinema NUMAX o mércores 5 e o venres 7 de outubro ás 22:00.

Unha semana máis tarde, e tamén en colaboración co Curtocircuíto, o protagonista será o cineasta portugués João Nicolau, que baixo o título Só pracer: música e cinema, afondará nunha das súas múltiples facetas creativas: a música. A partir do traballo coa banda sonora despregado en John From, Nicolau fará un percorrido por toda a súa obra, facendo especial énfase na estreita relación establecida entre música e imaxes, compartindo dúbidas e experiencias que atravesan todas as fases da produción dun filme. Desta maneira achegarémonos a curtametraxes tan celebradas como Gambozinos (premio en Cannes), Rapace (gran premio en Vila do Conde) ou a súa primeira longametraxe, A Espada e a Rosa. A Aula de João Nicolau terá lugar o luns 10 de outubro ás 19:30. Ese mesmo día, ás 17:30 e ás 21:30, proxectaranse dous pases únicos, con presentación do autor, da longametraxe John From.

Xa fóra do Curtocircuíto, o luns 17 de outubro ás 17:30, visita NUMAX Jonás Trueba. O cineasta madrileño fará na Aula «Os ollos verdes» un percorrido pola súa filmografía que, a pesar de contar con só catro longametraxes —Todas las canciones hablan de mí, Los ilusos, Los exiliados románticos e La reconquista— o sitúan como un dos grandes renovadores do cinema de autor español contemporáneo. A visita de Trueba estará acompañada da estrea en sala da súa nova longametraxe, La reconquista, cuxo primeiro pase, o mesmo luns ás 20:00, contará con presentación e coloquio a cargo do cineasta.

Para rematar, xa lindando co mes de novembro, recibiremos ao cineasta iraquí Abbas Fahdel autor dun filme monumental composto de dúas partes que retratan o cotiá da familia do director antes e despois da invasión en Iraq. Homeland (Iraq Year Zero) constitúe un díptico fundamental para nos achegar á realidade social iraquí que non adoita saír nos medios de comunicación de masas. O filme estrearase o luns 31 de outubro ás 17:30 (Parte I: Before the Fall) e 20:30 (Parte II: After the Battle) con presentación e coloquio a cargo do director. Xa o martes 1 de novembro ás 18:30 Abbas Fahdel impartirá un Aula «Os ollos verdes» titulado Iraq, entre documental e ficción, no que proxectará anacos do seu anterior filme, L'aube du monde e da descomunal Homeland (Iraq Year Zero).

Para facer efectiva a vosa reserva a calquera das Aulas sinaladas só tedes que enviar un correo a [email protected], indicando o voso nome completo e a aula ou aulas para as que queredes reservar praza.