NUMAX

Salomé Lamas e Albert Serra, novos convidados da Aula «Os ollos verdes» de NUMAX

Continúan as actividades didácticas da Aula «Os ollos verdes» de NUMAX con dous convidados de excepción. A directora portuguesa Salomé Lamas visitaranos o luns 21 de novembro namentres que o sábado 3 de decembro tocaralle a quenda ao cineasta catalán Albert Serra. Ambos aproveitarán a visita para presentar en sala cadanseus últimos filmes, Eldorado XXI e A morte de Luís XIV respectivamente.

Logo dun arranque de outono intenso e apaixonante no que a Aula «Os ollos verdes» de NUMAX acolleu as intervencións de grandes nomes do cinema contemporáneo —Pedro Costa, Ana Vaz, João Nicolau, Jonás Trueba e Abbas Fahdel—, achegámonos ao remate do ano coa visita de dous creadores que, a pesar da súa curta idade, teñen acadado un espazo propio no panorama internacional pola singularidade de cadansúa proposta creativa.

Este é o caso da cineasta portuguesa Salomé Lamas (Lisboa, 1987) quen, tras abraiar a crítica e público con Terra de ninguém, filme proxectado en 2015 en NUMAX, vai estrear Eldorado XXI, documental etnográfico, misterioso e inquietante, gravado no asentamento humano máis alto do mundo, nos Andes peruanos, que foi estreado na pasada edición da Berlinale cunha grande acollida. Aproveitando a estrea do filme en NUMAX Lamas ofrecerá o luns 21 de novembro ás 18:00 unha aula de cinema titulada Como eliminar o límite entre a ficción e os feitos? na que transitará a porosa fronteira entre documental e ficción, analizando a súa maneira de traballar desafiando xéneros, convencións e modos de exhibición.

Xa no mes de decembro volvemos ao noso horario habitual da Aula «Os ollos verdes» do sábado pola mañá. Así, o sábado 3 de decembro ás 11:30 visítanos un dos creadores máis arriscados e anovadores do cinema contemporáneo, o catalán Albert Serra (Banyoles, Girona, 1975), que ofrecerá unha aula arredor do proceso creativo que deu lugar a A morte de Luís XIV, fita proxectada fóra de competición en Cannes e Sevilla que mereceu ademais o Premio Jean Vigo. A ollada sempre irreverente de Serra procura unha deconstrución do mito do monarca francés apoiado na portentosa interpretación do grande actor francés Jean-Pierre Leaud.

Ambas actividades contan co apoio da Deputación da Coruña e a Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela. As aulas son de acceso libre e gratuíto até completar aforo e, se o desexades, podedes reservar praza escribindo a [email protected].