A Libraría NUMAX acolle a conversa entre as poetas Oriana Méndez e Antón Blanco
chairas sucesións é a máis ambiciosa das entregas poéticas de Oriana Méndez, unha poeta que nos últimos anos transita os lindes máis afiados da poesía. Desde a publicación de Interna, o libro previo a chairas sucesións, a poeta optou por desviar o punto de vista dende o plural cara ao individual, do nós ao eu, do fenómeno externo ao que acontece por dentro. Tamén hai un tránsito dende a escrita do maiúsculo –o histórico, o colectivo, o común– cara ao minúsculo: aquilo que só dous comparten. Estamos ante unha historia de dous que se amplifica no pensamento poético de quen escribe e o libro é o acontecemento que supón descubrirse, de súpeto, en relación ao outro e ao propio acto poético. O acontecemento exteriorízase dalgunha maneira na escrita do mesmo xeito que sucede cando un sentimento, favorable ou doloroso, se transforma en cerimonia.
Oriana Méndez (Vigo, 1984) publicou os libros de poesía Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (XVII Premio de poesía do Concello de Carral, 2015), O corazón pronúnciase extenso (V Premio de Poesía Rosalía de Castro, 2019) e Interna (XVIII Premio de Poesía Afundación, 2020).Forma parte, entre outras, das escolmas Anthology of Galician Literature (1981-2011) – Antoloxía da Literatura Galega (1981-2011) (Galaxia, Xerais, Xunta de Galicia); Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra); 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora – Papeles Mínimos) ou Poesía bajo sospecha. Españolas nacidas entre 1976 y 1993 (Animal Sospechoso). Traduciu, do francés ao galego: O amante, de Marguerite Duras (Kalandraka, 2020) e Fragmentos dun diario do inferno, de Antonin Artaud, en Dorna.
Na primeira canción do seu primeiro álbum, publicado en 1997, o grupo de post-rock Godspeed You! Black Emperor canta: «Estamos atrapados no estómago desta horrible máquina / e a máquina desángrase ata morrer». Na cara B do vinilo dese mesmo disco, unha voz repite en bucle: «Onde nos diriximos?». Chegados a certo punto, a agulla do tocadiscos desaxústase e a interpretación do tema prosegue eternamente sen chegar a terminar xamais, salvo que poñamos fin abruptamente á execución do dispositivo musical, morta a máquina, apagada. Non resulta estraño que Antón Blanco traia a colación esta obra e se instale nesa mesma paisaxe posindustrial para definir o noso momento actual, onde a tensión desta época nos proxecta un futuro estancado, como aqueles antigos paradoxos de Zenón nas que os lixeiros pés de Aquiles non remataban de seguir o suco da tartaruga e resultaba imposible o percorrido da frecha disparada.
Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) inscribe os xestos do presente nun tipo de composición moi particular dominada polas formas cegas e traballadas da circularidade e entreganos un poemario co que dar a benvida á nova era da Inteligencia Artificial.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Parthenope
VOSE