Cinema

Programación do ciclo «Os ollos verdes» até final de ano

Xa temos preparado o menú do ciclo Os ollos verdes para a recta final do ano. As películas independentes máis arriscadas e anovadoras teñen o seu lugar na última sesión de todos os luns. Recorda que podes acadar 1 crédito ECTS e tarifa reducida na túa entrada se estudas na USC e te inscribes no ciclo.

A recta final do ano chega cargada de citas no ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX, con sesións todos os luns pola noite e unha coidada selección de filmes que procuran novas narrativas para o cinema. Cineastas mozas, en ocasións debutantes, chegan á nosa pantalla tras un exitoso percorrido por festivais e o recoñecemento da crítica, pero non sempre co oco merecido nas carteleiras de cinema.

O ciclo conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela para acadar 1 crédito ECTS asistindo a un total de 12 sesións ao longo do curso (+ info en [email protected]). Pide xa a túa tarxeta do ciclo para ir selando cada pase e gozar, a partir de agora, de tarifa reducida (4€) nas vindeiras sesións. Velaquí a nosa proposta:

Luns 26 de outubro
De nuevo otra vez (Romina Paula, 2019, 84')
Romina volve á casa familiar despois de ser nai. Afastada do pai de Ramón, o seu fillo, refúxiase na casa da súa nai, Mónica. Alí vese mergullada na temporalidade da súa nai, dela como filla, e tenta dilucidar que desexa. De visita en Buenos Aires, Romina dá clases de alemán, tenta retomar a súa vida de solteira, saír de noite. Quere saber como era antes da experiencia do amor ao seu fillo. Precisa comprender quen é, retornando ás súas orixes e reconstruíndo algo da historia familiar. Debut na dirección da escritora, dramaturga e actriz Romina Paula.
Mellor filme latinoamericano Donostia 2019, Bright Future Berlinale 2019, Sección oficial en CPH:DOX e Rotterdam 2019

Luns 2 de novembro
Canción sin nombre (Melina León, 2019, 97')
A historia de Georgina Condori, unha música andina cuxo bebé recen nacida desaparece misteriosamente da clínica. En medio do caos político da época, un novo xornalista limeño toma ao seu cargo a investigación e emprende xunto a ela a desesperada busca. Ambientada nos anos oitenta, a fita ten lugar en plena crise económica e auxe de Sendero Luminoso, o Partido Comunista do Perú.
Mellor dirección e mención especial Tesalónica 2019, Quincena dos Realizadores de Cannes 2019

Luns 23 e 30 de novembro
Sole (Carlo Sironi, 2019, 100')
Lena está embarazada de sete meses e completamente segura de que quere vender o bebé que está no seu interior. Ermanno decide finxir que el é o pai. Fabio, o tío de Ermanno, pagará o diñeiro que ambos piden para adoptar o fillo que tanto el como a súa muller Bianca non poden ter. Nun mundo no que o único que importa son os cartos, tanto Lena como Ermanno comezan a entender que existe algo máis importante que elas mesmas polo que loitar e que, tras moito tempo, están comezando a converterse en aquilo que só finxían ser.
Premio FEDIC Venecia 2019

Luns 7 e 21 de decembro
Antoloxía dun pobo fantasma (Denis Côté, 2019, 96')
Simon Dubé morre nun accidente de coche que ten lugar nun pequeno e remoto pobo de Quebec de apenas 215 persoas. Sorprendidos, os habitantes do pobo procuran non falar sobre as circunstancias da traxedia. O suceso desgarra a familia Dubé, e afecta psicoloxicamente o alcade Smallwood, xunto a outro grupo de aldeáns que non saben que facer para deixar atrás o sucedido. Mentres a xente trata de dixerir a desgraza, unha serie de persoas descoñecidas comezan a chegar ao pobo, ao que pouco máis tarde o acompaña unha densa brétema. Quen son? Que está a suceder?
Sección oficial Berlinale 2019, Zabaltegi-Tabakalera Donostia 2019

Luns 14 e 28 de decembro
Technoboss (João Nicolau, 2019, 113')
Luís Rovisco, divorciado e entrado nos sesenta, vive co seu gato Napoleón e traballa como director comercial nunha empresa de seguridade. Mentras agarda a soñada xubilación, podémolo atopar case sempre ao volante do seu automóbil, cantando letras inventadas para superar as inxustizas da vida e os problemas que a tecnoloxía, os seus compañeiros de traballo e un xefe misteriosamente ausente seguen a poñer no seu camiño. Non hai mal que unha canción non poida corrixir. Pero estas cancións cambiarán inesperadamente de rexistro cando coñeza a Lucinda, a recepcionista do hotel onde está a traballar. Un conxunto de situacións imposíbeis que Luís supera co seu particular sentido do humor han ser o marco para a súa última oportunidade de atopar o amor.
Premio especial do xurado Sevilla 2019, Sección oficial Locarno 2019