Nicolás Zukerfeld e Malena Solarz visitan NUMAX no regreso do ciclo Os ollos verdes
O ciclo Os ollos verdes, que inclúe as estreas máis arriscadas e anovadoras do panorama internacional, viaxa ao cinema arxentino coa visita de Nicolás Zukerfeld e Malena Solarz. A parella de cineastas porteños presentará o luns 22 e martes 23 de xaneiro dúas sesións conducidas polo cineasta galego Ángel Santos.
Luns 22 de xaneiro | 19:55h | No existen treinta y seis maneras de mostrar cómo un hombre se sube a un caballo (Nicolás Zukerfeld, 2020, 63 min)
Algunha vez o director norteamericano Raoul Walsh dixo: "Non existen trinta e seis maneiras de amosar a un home que sobe a un cabalo". Unha declaración de principios que establece a forma da linguaxe clásica. Un profesor de cinema arxentino comeza unha investigación sobre a orixe desta frase, sen decatarse que a súa obsesión o levará a meterse nun labirinto de cinefilia conformado por detectives no afastado oeste. A sesión completarase coa proxección da curtametraxe Una película hecha de dirixida por Malena Solarz e Nicolás Zukerfeld e filmada en Vigo.
Martes 23 de xaneiro | 17:30h | Álbum para la juventud (Malena Solarz, 2021, 80 min)
Pedro e Sol recén remataron o seu último ano de escola e dan comezo ás vacacións. Dedican o seu tempo libre no verán a abordar, pouco a pouco, tarefas que quizais algún día se convertan nas súas profesións. Sol emprega as súas leccións de piano para revisar musicais antigos e prepara un exame para o conservatorio de música. Mentres tanto, Pedro interésase pola dramaturxia e comeza un taller de escritura sen dicirllo a ninguén. Pedro e Sol están medrando, mesmo sen decatarse.
As citas co ciclo Os ollos verdes continúan nas vindeiras semanas. O luns 29 de xaneiro recibiremos a visita de Carlos Martínez-Peñalver Mas co seu Á procura da estrela, presentada recentemente en Novos Cinemas. O martes 30, Martínez-Peñalver programa e presenta o excepcional documental portugués O movimento das coisas (Manuela Serra, 1985), que dialoga co seu propio filme. Esta sesión dobre será realizada en colaboración coa distribuidora Lost&Found.
As proxeccións continúan no mes de febreiro coa visita o sábado 10 de Pablo García Canga para presentar o seu debut na longametraxe Las tierras del cielo, acompañado de Ángel Santos, produtor do filme. Xa cara a finais de mes, o luns 26, proxectaremos a fita vasca Negu hurbilak.