Cinema

Little Richard, Elis Regina, Antonio Carlos Jobim e Tom Waits soarán no ciclo «Blow Up. A música no cinema»

Do 23 ao 25 de novembro acollemos a segunda edición do ciclo Blow Up. A música no cinema, organizado coa Reixa Tenda e incluído na programación do Outono Códax Festival. Proxectaremos un clásico de Coppola One from the Heart (Corazonada)―, e sendos documentais sobre Little Richard e os xigantes da bossa nova Elis & Tom. Entradas xa á venda con tarifas reducidas.

Soben os decibelios da sala por segundo ano consecutivo con tres estupendas propostas que xuntan música e cinema dentro da programación do Outono Códax Festival. A proposta deste 2023, artellada por Xavier Valiño, Alberte Branco e Fran Villasenín, arranca o xoves 23 con One from the Heart (Corazonada), clásico moderno de Francis Ford Coppola protagonizado por Nastassja Kinski que conta coa mítica banda sonora de Tom Waits.

O venres 24, en exclusiva preestrea, teremos un pase especial de Little Richard. I Am Everything, un explosivo retrato dun dos pais do rock'n'roll cuxa polémica figura tentou ser branqueada unha e outra vez pola industria musical. Rematamos o sábado 25 con Elis & Tom, documental que recupera con metraxe inédita a gravación dun álbum eterno da bossa nova que reuniu a dous xenios como Elis Regina e Antonio Carlos Jobim.

O ciclo, organizado en colaboración coa Reixa Tenda e o Outono Códax Festival contará con tarifas especiais reducidas de 3,5€ para abonadas de NUMAX, 4€ para abonadas do Outono Códax e 5€ para o público xeral.

Xoves 23 de novembro | 17:45
One from the Heart (Corazonada) (Francis Ford Coppola, 100, 1981)
* Con presentación de Xavier Valiño, Alberte Branco, Fran Villasenín
Tras cinco anos de matrimonio, Frederic Forrest e Teri Garr divórcianse. Teri é cortexada por un camareiro pianista que lle promete levala de vacacións moi lonxe. Mentres tanto, Frederic coñece unha artista de circo. O azar fai que as dúas parellas se atopen bailando polas rúas de Las Vegas un 4 de xullo. Clásico de Francis Ford Coppola con banda sonora de Tom Waits.

Venres 24 de novembro | 17:45
Little Richard. I Am Everything (Lisa Cortés, 98', 2023)
* Preestrea (Estrea oficial en salas 2024)
Arquitecto do rock'n'roll, icona queer, predicador apocalíptico, vendedor de biblias, lavapratos, pianista salvaxe e cantante visceral e libidinoso cuxa influencia pode rastrexarse en todo o rock posterior. Todo iso e moito máis foi Richard Pennimann, máis coñecido como Little Richard, cuxa vida e branqueamento por parte da industria pop explora o documental.

Sábado 25 de novembro | 17:45
Elis & Tom (Roberto de Oliveira, Jom Tob Azulay, 100', 2023)
* Estrea en Galicia
En 1974 a estelar Elis Regina e o xigante da bossa nova Tom Jobim encóntrase en Los Angeles para gravar un álbume que se convertería nun clásico absoluto da música popular brasileira. Mediante as gravacións en 16mm., inéditas até o de agora, asistimos ao proceso creativo dunha marabilla.