Libraría

Patricia A. Janeiro presenta «Manual básico de hostalería»

Arrancamos o curso con forza na Libraría NUMAX cun mes de setembro cheo de actividades e presentacións. O xoves 28 de setembro ás 20:00 recibimos a visita de Patricia A. Janeiro para presentar o seu último libro: Manual básico de hostalería, editado por Positivas. No acto intervirán, amais da propia Janeiro, o editor Francisco Macías e a escritora Lorena Conde.

(Imaxe: Andrea Jamardo, Urco Editora)

A tamén escritora Lorena Conde define Manual básico de hostalería como un «un libro breve, lixeiro e armado cunha intelixencia retranqueira que fai imposible a súa lectura discreta no autobús ou na consulta do médico. Proben e verán. A historia, como a propia autora di, non é complicada: tres camareiras en situación precaria vense envoltas, sen saber moi ben como sucedeu, nun crime. Dende aí, Janeiro lanza cordas a outras tramas paralelas que se enredan na principal e miden esas distancias das que falabamos: a distancia entre o que se agarda dos xestores da cousa pública e o seus cuestionables intereses persoais».

Patricia A. Janeiro naceu en Compostela en 1978. Logo de licenciarse en filoloxía inglesa, pasou un ano traballando en Dublín, onde escribiu a súa primeira novela, Caixa de mistos (Sotelo Blanco, 2005), publicada tamén en Italia co título Solo per questa notte (Gran Via Edizioni, 2009). En 2009 publicou A perspectiva desde a porta con Edicións Positivas e nese mesmo ano traduciu e prologou o libro do preso político irlandés Bobby Sands, Un día na miña vida, para Estaleiro Editora. De 2010 a 2014 coordinou a sección de creación literaria do xornal Novas da Galiza, onde tamén publicou relatos e artigos de opinión. Xa no 2017, o Concello de Santiago publicoulle a novela curta Os últimos indios como parte da colección inaugural da SELIC. Ademais, a plataforma de crítica feminista A Sega dedicoulle o IV Día das Galegas nas Letras, cunha celebración no parque de Bonaval o pasado 15 de agosto. Janeiro foi dependenta, informadora turística, camareira, tradutora, operadora de emerxencias e mesmo vendeu jacuzzis. Actualmente traballa como profesora substituta. No seu blog, seriologa.blogspot.com, e a través da súa conta de twitter @seriologa, analiza o fenómeno cultural das series de ficción estadounidenses.