Cinema

Pedro Costa visita NUMAX para presentar «Cabalo Diñeiro» e impartir a Aula «Os ollos verdes»

(Fotografía: Óscar Fernández Orengo)

Setembro é o mes de Pedro Costa en NUMAX. O gran cineasta portugués presentará os días 23 e 24 de setembro a súa nova obra mestra, Cabalo Diñeiro, estreada en salas de toda España por NUMAX Distribución. O sábado 24 ás 11:30, Pedro Costa impartirá a Aula «Os ollos verdes» na que fará un percorrido pola súa traxectoria artística.

As actividades protagonizadas por Pedro Costa en NUMAX darán inicio o venres 23 coa presentación en sala de Cabalo Diñeiro e a súa participación nun coloquio posterior co público asistente. En Cabalo Diñeiro recuperamos a figura de Ventura, inmigrante caboverdiano que xa protagonizara en 2006 Xuventude en marcha, e que neste novo filme lembra a terra que abandonou sendo novo para se gañar a vida en Lisboa onde, ao igual cós seus, viviu sempre desprazado. Na mente de Ventura ábrese un pasadizo secreto entre a Lisboa actual e o 25 de abril de 1974. Mentres a revolución ruxe nas rúas, a xente busca a Ventura, perdido no bosque.

Pedro Costa continuará connosco o sábado 24 ás 11:30 da mañá coa súa participación na Aula «Os ollos verdes», na que afondará nos pormenores da súa actividade artística, reflexionando sobre o proceso creativo que desembocou en Cabalo Diñeiro. O acceso á aula é gratuíto se ben cómpre reservar praza enviando un correo a comunicacion@numax.org. A Aula «Os ollos verdes» conta co apoio da Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. O propio sábado pola tarde, Pedro Costa participará nunha nova presentación e coloquio de Cabalo Diñeiro.

Mais iso non é todo, durante a semana da estrea celebraremos o «Foco Pedro Costa», un ciclo de proxeccións no que poderán verse tres pezas clave para entender a obra do director. O martes 20 pasarase Casa de lava, primeira aproximación de Costa á comunidade caboverdiana emigrada a Portugal. O mércores 21 será a quenda de No cuarto de Vanda, obra capital na filmografía do autor que ten lugar en Fontainhas, un dos barrios máis empobrecidos de Lisboa. Xa o xoves 22 proxectarase Xuventude en marcha, nova obra mestra de Pedro Costa na que se dá a coñecer a Ventura, protagonista de Cabalo Diñeiro.