Libraría

Presentación do novo poemario de Luisa Castro, «Actores vestidos de calle»

O venres 21 de decembro ás 20:00 terá lugar a presentación do poemario Actores vestidos de calle, de Luisa Castro, na Libraría NUMAX. Acompañará a autora o poeta Ismael Ramos.

FOTO: Lisbeth Salas

"Actores vestidos de calle comeza cun poema escrito tras o atentado terrorista na escola de Beslán (Osetia, 2004). Dez anos despois, en Nápoles, durante a maior crise migratoria que viviu a cidade, a súa autora volve sobre aquelas imaxes para falarnos doutra destrución e doutro exilio moi distintos, os da propia vida, da que fomos expulsados coma dun teatro en demolición. Os recordos cambiantes, a linguaxe que perdeu toda a súa función, a inutilidade da arte fronte un mundo saturado de violencia representada, son tamén os escenarios que a súa autora nos amosará, nun tránsito que vai do social ao íntimo, do actor ao espectador, da persoa á Historia. Luisa Castro regresa despois de 13 anos anos de silencio poético cun libro intenso e contido que reclama a sinxeleza e a fondura do pensamento clásico (Platón, Lucrecio...), pero que non renuncia a transitar algúns dos grandes temas que marcaron a súa obra: a parella, a familia ou a denuncia social. Autora dunha das poéticas máis revolucionarias do panorama en lingua galega e española de finais do século XX, Castro entréganos en Actores vestidos de calle un froito de madureza, un libro con vontade universal que procura restituír o valor e a forza da palabra poética en tempos convulsos." (Texto de Ismael Ramos)

Luisa Castro (Foz, Lugo, 1966) é escritora en español e galego. Entre outros é autora dos libros de poemas Odisea Definitiva, Los versos del eunuco, Baleas e baleas, Los hábitos del artillero, De mí haré una estatua ecuestre, y Amor mi Señor. Parte da súa obra foi reunida no volume Señales con una sola bandera. Recibiu os premios de poesía Hiperión e Rei Juan Carlos I, e como narradora obtivo os premios Azorín, Torrente Ballester e Biblioteca Breve. Publicou cinco novelas, El somier, La fiebre amarilla, El secreto de la lejía, Viajes con mi padre e La segunda mujer, así como o libro de contos Podría Hacerte Daño. Os seus artigos xornalísticos están recollidos parcialmente nos volumes Diario de los años apresurados e Melancolía de sofá.