Libraría

Entre poética e política: conversa con Antonio Méndez Rubio

FOTOGRAFÍA: Annabel Martín

A Libraría NUMAX acolle o xoves 26 de outubro a partir das 20:00 unha conversa co poeta e ensaísta Antonio Méndez Rubio. A crítica literaria Ana Salgado e o profesor Arturo Casas serán os cómplices desta conversa que xirará, entre poética e política, arredor das dúas últimas obras de Méndez Rubio: o libro de ensaio político ¡Suban a bordo! (Introducción al fascismo de baja intensidad) (Grupo 5) e o poemario Por nada del mundo (Vaso Roto).

A conversa e dobre presentación Entre poética e poesía quere ser un achegamento ás últimas obras de Antonio Méndez Rubio, poeta, ensaísta e profesor de Teoría da Comunicación na Universidade de Valencia. Para a complicada tarefa de unir o poético e o político contaremos coa presenza da crítica literaria Ana Salgado e o profesor Arturo Casas triangulando unha mesa de diálogo que permitirá afondar no pensamento dunha das voces máis interesantes da poesía en español dos últimos tempos, e que en contraste coa chamada "poesía da conciencia crítica", algúns críticos sitúan en proximidade cunha renovada herencia vangardista que considera nuclear a cuestión da linguaxe. Como ensaísta analiza os dispositivos cos que o poder reproduce formas de control e de asfixia social, que desembocan de xeito capilar nun novo "fascismo de baixa intensidade".

Antonio Méndez Rubio naceu en Fuente del Arco (Badajoz) en 1967. Os seus poemarios desde El fin del mundo (1995, Finalista Premio Hiperión de Poesía) ata Por más señas (2005, Premio Ojo Crítico de Radio Nacional de España) foron recollidos pola Editora Regional de Extremadura no volume Todo en el aire (2008), e reuníronse os seus libros posteriores en Nada y menos (Ediciones Liliputienses, 2015). Apareceron tres antoloxías da súa obra: Historia del daño (2006), Historia del cielo (2012) e Abriendo grietas (2017). En 2012 a editorial Espacio Hudson publicou en Arxentina Ultimátum (poemas 1991-2011). Os seus últimos libros de poemas son Cuerpo a cuerpo (Tenerife, Baile del Sol, 2010), Va verdad (Vaso Roto, Madrid / México, 2013) e Por nada del mundo (Vaso Roto, 2017).

É autor, entre outros, dos ensaios: Encrucijadas: Elementos de crítica de la cultura (1997), Poesía y utopía (1999), La apuesta invisible: Cultura, globalización y crítica social (2003), Perspectivas sobre comunicación y sociedad (2008), Comunicación, cultura y crisis social (2015), Comunicación musical y cultura popular (Una introducción crítica) (2016) e ¡Suban a bordo! (Introducción al fascismo de baja intensidad) (2017).