Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación da baralla artística «O Ghaiteiro Petroleiro»

A Libraría NUMAX acollerá o venres 1 de decembro ás 20:00h a presentación da baralla artísitica O gaiteiro petroleiro. No evento participarán o investigador e comisario Germán Labrador, presidente da asociación Unha Gran Burla Negra, Daniel López Abel, as ilustradoras Sandra Lodi, Lúa Gándara e Tristán Ron; ademais de X. Carlos Hidalgo, socio traballador da cooperativa NUMAX e deseñador da baralla. A entrada é libre ata completar aforo.

O 19 de novembro de 2022 cumpríanse vinte anos do afundimento do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas e da contundente resposta cidadá fronte á deficiente xestión daquela crise. Ante dita efeméride, a asociación cultural Unha Gran Burla Negra en colaboración co Museo Reina Sofía organizou a exposición Las cartas sobre la mesa. La memoria del Nunca Máis y las barajas políticas. Unha actividade que busca recordar, investigar, difundir e reactivar a memoria popular daqueles acontecementos a través dun proxecto editorial e expositivo. Así, produciouse O Ghaiteiro Petroleiro, unha baralla artística que combina de forma satírica a memoria do movemento Nunca Máis e o imaxinario popular galego conformando un arquivo visual, un dispositivo da memoria ao servizo dunha conmemoración crítica deste vixésimo aniversario. Un ano despois, agora é a hora de presentar a baralla artísitica O gaiteiro petroleiro.

Germán Labrador Méndez é profesor na Universidade de Princeton, investigador e comisario. Foi Director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía. Colabora activamente coa Asociación Unha Gran Burla Negra.

Daniel L. Abel preside actualmente a Asoc. Cult. Unha Gran Burla Negra. É historiador da arte e investigador independente. O seu traballo explora as relacións entre arte, política e sociedade. Ten participado en diversos proxectos vencellados á creación contemporánea, como o espazo 'Baleiro' (2008-2014).

Sandra Lodi é unha ilustradora, deseñadora, muralista e artista plástica lucense afincada en Santiago de Compostela que traballa no eido do humor gráfico. Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e en El Estafador e colabora con distintas publicacións como ilustradora de prensa.

Tristán Ron é un artista compostelán un pouco despistado pero entusiasmado polo debuxo e por contar historias. Publicou hai un ano o seu primeiro bd: O Navegante, unha viaxe a bordo da Sala Nasa. Estudou Belas Artes en Valencia e, non contento ca arte estática, foise a Barcelona a estudar un máster de animación, xa vai polo segundo. O seu fonema favorito é o /p/, aínda que non está completamente seguro.

Lúa Gándara (O Porriño, 1988) é unha artista multidisciplinar graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun posgrao de Creación Sonora na Universidade de Barcelona e un mestrado de Profesorado en Educación Secundaria na especialidade de Artes e Debuxo. A súa obra plástica foi seleccionada e exposta en diversos certames como a 15ª mostra MAC, museo de Arte Contemporáneo Fundación Naturgy, o Prémio Artistas do Alto Minho e Galiza 2016 da Fundaçao Bienal de Cerveira, o VIII Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia ou a X Bienal Internacional Pintor Laxeiro, entre outros. Obtivo o Primero Premio “Novos talentos luso-galaicos” na “IX Bienal de Pintura Premio Eixo Atlántico” e o terceiro premio de poesía no certame Xuventude Crea 2014. En 2021 gañou o premio “IX Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Ciudade da Cultura de Galicia” e o premio “Xurado Novo” na Sección “Contemporánea” no INTERSECCIÓN Contemporary Audiovisual Art Festival. A súa pintura e personaxe habitan entre a poesía e a arte de acción, sempre con moito humor.

X. Carlos Hidalgo (A Guarda, 1982). Licenciado en Xornalismo, traballou antes no estudio de Uqui Permui e na revista Luzes. Agora coordina a área de deseño gráfico e web do Laboratorio da cooperativa NUMAX, da que é socio.