Libraría

Brais Estévez e Cristina Botana presentan o libro «El público de la arquitectura» na Libraría NUMAX

Libraría NUMAX acollerá o xoves 26 de outubro ás 20:30h a presentación do ensaio de Giancarlo De Carlo, «El público de la arquitectura», editado por Bartlebooth. Para comentar e falar sobre este libro teremos en NUMAX ao xeógrafo Brais Estévez e a arquitecta Cristina Botana. A entrada é libre ata completar aforo.

O público da arquitectura reúne dous ensaios que analizan a complicidade da arquitectura na materialización das brechas sociais impostas polas estruturas do poder económico, político e cultural, e cuestiona o papel das escolas, a crítica e os medios na consolidación da inconsistencia e a vagancia da posición do arquitecto. De Carlo propón outros camiños para a reconstrución metodolóxica dos procesos de creación disciplinares cara a un compromiso total co contexto real da sociedade e as súas necesidades espaciais máis fundamentais. O primeiro deles, que dá título ao libro, expón a complicidade e escaso compromiso político que a disciplina tivo ao longo da historia. Os seus movementos, máis que revolucionarios foron cosméticos, ao servizo dun statu quo que cada vez presenta fisuras máis evidentes. O segundo, a arquitectura da participación, aborda a relación xerárquica e unidireccional entre deseñador e público. Unha relación, con todo, que pode ser alterada. Giancarlo de Carlo propón algunhas pautas para xerar procesos de deseño onde o usuario final participe do proceso.   

Giancarlo De Carlo naceu en Xénova e pasou parte da súa nenez en Tunes, antes de estudar na Facultade de Enxeñería do Politécnico de Milán. De Carlo formou parte do Team X, un grupo de arquitectos xurdido do Congreso Internacional de Arquitectura Moderna (CIAM) de 1953 co obxectivo de discutir e revisar a herdanza do movemento moderno en relación aos retos sociais, culturais e urbanos da segunda metade do s.XX. Entre as súas obras máis importantes destaca o seu traballo na cidade de Urbino, para a que deseñou un plan urbanístico que se implementou durante máis de trinta anos, o barrio popular Matteotti en Terni, ou os edificios universitarios de Siena, Pavía e Catania. Faleceu en Milán en xullo de 2005. 

Cristina Botana é arquitecta pola Universidade da Coruña, máster de Cidade e Urbanismo pola Universitat Oberta de Catalunya. Doutora en arquitectura e urbanismo pola UDC coa tese: Os asentamentos precarios en Galicia: desde os conxuntos autoconstruidos ata a infravivenda de produción institucional como expresións do urbanismo segregativo. Posdoutorado no Chicanx/Latinx Studies Program da Universidade de Berkeley (California), convidada polo Prof. Ramón Grosfoguel, para profundar na análise da segregación urbana desde un enfoque decolonial e antisistémico. Contratada posdoctoral Juan de la Cierva co grupo de investigación de Análise Territorial da USC. 

Brais Estévez é xeógrafo e investigador do grupo de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela. Doutor pola Universitat Autònoma de Barcelona coa tese A controvèrsia da Plaça de Lesseps (Barcelona). Unha oportunitat per a repensar a condició dels espais públics urbans 2014.