Libraría

Presentación do primeiro libro de poemas traducido ao galego de Luis García Montero

Este luns, 17 de decembro, ás 20:00, a Libraría NUMAX acolle a presentación da antoloxía poética O dono do derradeiro minuto (Tulipa Editora, 2018), de Luis García Montero, con tradución de Isaac Xubín. No acto participará o tradutor; a editora, Isabel Patiño; e a xornalista María Solar.

O dono do derradeiro minuto é a compilación de 50 poemas seleccionados da extensa traxectoria do poeta Luis García Montero. Nacido en Granada no 1958, García Montero é, ademais de poeta, crítico literario e profesor da Universidade de Granada. Dende 2018 é director do Instituto Cervantes. Recibiu numerosos premios, entre eles, o Federico García Lorca, Premio Loewe, premio Adonais, Premio Nacional de Poesía en 1995 e Premio Nacional da Crítica en 2003. Publicou mais de cincuenta libros de poesía desde Y ahora ya eres dueño del puente de Brooklyn en 1980 ata La puerta cerrada no 2017. Tamén editou numerosos ensaios e tres novelas. Traducido a numerosos idiomas, este é o seu primeiro libro traducido ao galego.