Libraría

Conversa arredor da historia do deseño en Galicia

O xoves 24 de xaneiro ás 20:00 a Libraría NUMAX acollerá unha conversa sobre a historia do deseño en Galicia e arredor do libro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Participarán o autor da obra, Pepe Barro, e os deseñadores de NUMAX X.Carlos Hidalgo e Antonio Doñate.

"Sempre hai máis que ver se usamos os ollos e a cabeza ao tempo, se ollamos con toda a nosa bagaxe cultural. As pezas de deseño gráfico reflicten a cultura dun país, mesmo cando non damos lido as súas mensaxes, fáltannos as claves históricas, tantas veces negadas, ou o coñecemento da linguaxe visual, moi maltratado no ensino regrado. Velaquí cen historias da historia da nosa cultura, cen artigos que son un convite a debullar os códigos da comunicación visual, cen tixolos cos que axudar a levantar a historia da profesión na Galiza".

Pepe Barro

Primeiro como independente, despois á fronte do Grupo Revisión ou desde Barro Deseño leva desenvolvendo traballos de deseño editorial coma o do semanario A Nosa Terra (1977), o Diario de Galicia (1987), a revista Tempos (1996), e as publicacións de Turgalicia entre 2001 e 2004. No 2000 o Museo Raíña Sofía elixiu o de Turgalicia como un dos cen logos do século XX. Tamén proxectou a identidade corporativa da Universidade da Coruña, o Consello da Cultura Galega, Edicións Xerais, Denodo e Culturgal e deseñou exposicións como a do centenario da Real Academia Galega (2006); Rosalía de Castro, no principio foi o verso (2013), ou a Casa-Museo Manuel Antonio (2011). En 2016 deseñou as exposicións Con-fío en Galicia; Saúde e Terra, irmá(n)s!, centenario das Irmandades da Fala, Galicia 100, obxectos para contar unha cultura. En 2017 concluíu a renovación museolóxica e museográfica da Casa Museo de Rosalía. Outros traballos seus son os deseños para a selección galega de fútbol, a caixa de ovos do pazo de Vilane, os albariños Terra de Asorei e mesmo os primeiros «cuponazos» da ONCE. Ademais ilustrou libros como Arnoia, Arnoia ou Cantares gallegos.