Presentación de 'Relatos americanos', o libro ilustrado e suite musical de Ataque Escampe e Misha Bies Golas

O xoves 18 de xuño ás 20h teremos na nosa libraría aos membros de Ataque Escampe para presentar, canda ao artista plástico Misha Bies Golas, Relatos americanos. Trátase dun libro en edición limitada (300 exemplares) que combina 36 láminas con colaxes de Misha Bies Golas con outros tantos textos coas historias on the road da banda compostelana. O proxecto vai acompañado por unha suite musical instrumental que se pode descargar cun código que se facilita no libro, e estará dispoñíbel a partir do mesmo 18 de xuño ao prezo de 15 euros.

Sobre Relatos americanos:

«Relatos americanos é un universo estraño. Colaxes, textos e música narran unha viaxe por paisaxes agrarias e industriais onde todo funciona como a vida mesma: mal. Basta con pór un non onde antes había un si para que naza o desacougo. As imaxes dun fotógrafo estadounidense deformadas por Misha Bies Golas e as fabulosas experiencias nos escenarios do grupo Ataque Escampe serán o motor do caos. De fondo, o son retro-futurista do sintetizador modular Serge conduce a banda sonora desta road movie que comeza xa».

Sobre Ataque Escampe:

«As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2001 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco: Galicia es una mierda (2008), A grande evasión (2009), Violentos anos dez (2011), Noites de agosto con Ataque Escampe (2012) ou O disco vermello (2014), entre outros. En 2014 gañaron na categoría indie / pop dos Premios da Música Galega. Do pop ao soul con paradas no krautrock, na cumbia, no dub, no rap, no calipso e onde vostedes queiran se non lles preocupan demasiado a pureza e esas cousas. Perdedores, perdedoras: deixen as miserias na casa e veñan bailar a súa música sen complexos ao campo da festa de α Centauro».

Sobre Misha Bies Golas:

«Misha Bies Golas é autor de varias publicacións e proxectos (27 Negros, Un avión de Feldmann, A modo de conclusión e Grosso modo), ten exposto o seu traballo de xeito colectivo e individual en diferentes espazos como o MARCO, CGAC, CARPE DIEM, FAC PEREGRINA, SALÓN, UN DISPARO DE ADVERTENCIA e LOUIS 21 THE GALLERY».