Libraría

Alba Cid e Xavier Groba presentan «Tesouro Espeleolóxico Galego»

A libraría NUMAX acollerá o mércores 24 de maio ás 20h30 a presentación de «Tesouro Espeleolóxico Galego», un libro escrito polo Clube Espeleolóxico Galego e a poeta Alba Cid, e editado pola aCentral Folque. No acto, participarán dúas das persoas autoras do volume, Xavier Groba e a propia Alba Cid xunto á escritora Marilar Aleixandre. A entrada é libre ata completar aforo.

O volume Tesouro Espeleolóxico Galego reúne unha inmensa variedade de fontes para ofrecernos unhas acreditadas memorias do subterráneo. Textos e imaxes esenciais que conforman unha enciclopedia das crenzas, mitos e saberes dun mundo subterráneo poboado por fascinantes personaxes; un modo alternativo de nos adentrar en episodios históricos e grandes lendas da cultura galega, desvelar o contido simbólico do inframundo e avanzar na comprensión dun extraordinario escenario xeolóxico e máxico que acolleu a primeira historia da humanidade. Todo recollido en máis de 500 páxinas con textos e fotografías históricas, documentos sobre as covas, furnas, tuneis, minas,… que hai e houbo na Galiza administrativa, na próxima ou que galegas describiron doutros lugares. Un traballo de documentación realizado en 30 anos polo C.E. Maúxo. Nela compílanse os escritos e as imaxes da espeleoloxía galega editados antes do 12 de setembro de 1969, data na que se crea o denominado “Comité Regional Gallego de Espeleología” e comeza unha nova etapa que dará lugar a fundación da actual Federación Galega de Espeleoloxía, da que forma parte o Clube Maúxo desde 1992. 

O Tesouro Espeleolóxico Galego presenta relevante información de valor xeolóxico – cavidades cársticas, paracársticas (seixo, cuarcita) ou pseudocársticas (gneis, granitos)–, arqueolóxico, histórico, etnográfico –usos e costumes populares, toponimia, lendas, contos, económico e ambientalista –minas de ouro, ferro, volframio, agua– sen que falle a calidade literaria de textos de Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enríquez, Alvaro Cunqueiro, Castroviejo, Pondal, Pardo Bazán, Anxel Fole ou Gil Carrasco, entre outros moitos. O libro está coordinado polos profesores-doutores e espeleólogos Xavier Groba e Eduardo Méndez-Quintas e conta coa colaboración especial da poeta e filóloga Alba Cid cun fermoso texto introductorio ao libro. Na presentación, que terá lugar o mércores 24 de maio ás 20h30, participarán a poeta Alba Cid e  Xavier Groba acompañada pola escritora Marilar Aleixandre. A entrada é libre ata completar aforo.