Cinema

Retrospectiva completa á directora xaponesa Kinuyo Tanaka

Do 30 de maio ao 6 de xullo a nosa programación de repertorio terá como gran protagonista a Kinuyo Tanaka, célebre actriz da idade de ouro do cinema xaponés que, de 1953 a 1962, dirixiu 6 obras mestras nas que tratou temas inusuais para a época como o desexo e o corpo feminino, a maternidade ou o sexo entre mulleres. Abrimos esta retrospectiva completa o martes 30 de maio con Carta de amor, para a que xa podes reservar butaca.

A inicios dos anos 50 Kinuyo Tanaka era un dos rostros máis recoñecidos da idade de ouro do cinema xaponés, ofrecendo interpretacións inesquecibles para cineastas como Mikio Naruse, Yasujiro Ozu ou Kenji Mizoguchi. No cúspide da súa carreira como actriz, Tanaka toma unha decisión revolucionaria e decide dirixir os seus propios filmes. Ver unha muller dirixindo un equipo fundamentalmente masculino non era algo habitual na industria do cinema xaponés polo que o impacto do seu xesto foi alén do estritamente cinematográfico. Porén, o cinema de Tanaka acadou axiña voz propia, dirixindo un total de seis obras mestras indiscutibles e incriblemente variadas en canto a tonalidades e temáticas cuxas protagonistas son sempre mulleres que loitan por principios, por amor ou por desexo, pero xamais son vítimas impotentes.
 

A súa filmografía como cineasta arranca en 1953 con Carta de amor, para a que xa podes reservar praza na nosa web, unha obra que aborda a situación das mulleres xaponesas que durante a Segunda Guerra Mundial confraternizaron cos ocupantes norteamericanos. En 1955 asina un dos filmes máis emocionantes de todos os tempos, Peitos eternos, a partir dos padecementos dunha poeta que tenta superar un cancro de mama. Ese mesmo ano, e con guión de Yasujiro Ozu, Tanaka dirixe A lúa levántase, unha obra que relata as desventuras amorosas dunha moza chea de entusiasmo pola vida.
 

En 1960 Tanaka presenta o seu primeiro filme en cor, a fermosísima A princesa errante, na que se acompaña dunha equipa eminentemente feminina, desde o guión (Sumie Tanaka) ao texto orixinal (Yana Masako) e a produción (Hisako Nagashima). Un ano despois chega A noite das mulleres, unha fita que conecta directamente coa Nova vaga xaponesa e aborda os efectos da abolición da prostitución e as dificultades de integración das súas protagonistas. Para rematar, xa no mes de xullo, gozaremos de Amor baixo o crucifixo, unha historia de época que nos leva ao século XVI a través da historia de amor imposible entre a filla dun mestre de té e un samurai casado e convertido ao cristianismo.
 

Martes 30 de maio e xoves 2 de xuño
Carta de amor (Koibumi, 1953, 98')

Martes 6 e sábado 10 de xuño
Peitos eternos (Chibusa yo eien nare, 1955, 110')

Martes 13 e xoves 15 de xuño
A lúa levántase (Tsuki wa noborinu, 1955, 102')

Martes 20 e sábado 24 de xuño
A princesa errante (Ruten no ôhi, 1960, 102')

Mércores 28 de xuño e sábado 1 de xullo
A noite das mulleres (Onna bakari no yoru, 1961, 93')

Martes 4 e xoves 6 de xullo
Amor baixo o crucifixo (Ogin sama, 1962, 101')