Libraría

Samuel Merino presenta «Manual de camuflaxe» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Manual de camuflaxe (Xerais) de Samuel Merino, XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, o mércores 5 de novembro ás 19:30h. O autor estará acompañado pola poeta e xornalista Pilar G. Rego. A entrada é libre ata completar aforo.

Manual de camuflaxe é unha expedición creativa que nos envolve e nos interroga, coma unha fenda luminosa. Máis aló da adaptación á contorna, a camuflaxe sinala o paradoxal desexo de ser visto, de ser recoñecido no mesmo medio da disolución. Nesa tensión entre o visíbel e o velado, os versos de Samuel Merino adquiren unha calidade especular, devolvéndonos a nosa propia fraxilidade.

Samuel Merino (Mos, Pontevedra, 1982), licenciado en Filosofía pola USC, é un creador que desenvolve o seu labor arredor dunha poética que leveda na súa formación filosófica e mais na súa experiencia nas artes escénicas. As súas obras adoitan tomar corpo na oralidade secundaria dos recitais e en breves presentacións que transitan os camiños do teatro e da performance. Entre elas destacan: Guantanamera. Poema nun só acto (2021) Con esta hoz / Con esta fouce (2023) Claustro Corda Comensal (2023) e Manual de camuflaxe (2025), XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

Fotografía do autor: Álex Sobrino.