Libraría

Alberto Berzosa e Xosé Manuel Buxán conversan na SELIC sobre a escena underground dos 70 e 80 en España

A Libraría NUMAX sae á rúa do 10 ao 14 de setembro participando na SELIC cun posto situado na rúa do Vilar. Ademais, somos as organizadoras da conversa entre o investigador Alberto Berzosa e o profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra Xosé Manuel Buxán arredor da escena cinematográfica underground na España dos anos 70 e 80. Será o luns 13 ás 17:30 na sede de Afundación.

A conversa entre Alberto Berzosa e Xosé Manuel Buxán toma como punto de partida o libro de Berzosa Cine y sexopolítica, un volume que percorre a escena creativa marxinal da España dos anos 70 e 80 con especial atención ao cinema. Este escenario caracterizouse por unha constante experimentación vital, política, sexual e audiovisual e estivo activo en varias cidades do país durante a Transición. Berzosa e Buxán debullarán na súa conversa as estratexias estéticas e utopías políticas dun tempo no que a liberación sexual era empregada como arma de transformación. A cita será o luns 13 de setembro ás 17:30 na sede de Afundación e inscríbese nas actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC). O acceso es gratuíto até completar aforo.

Alberto Berzosa é Doutor Europeo en Historia e Teoría del Arte. Traballa no espazo onde interseccionan a arte contemporánea, a historia do cinema español, os arquivos de carácter político e a curadoría. É autor dos libros Cine y sexopolítica (Brumaria, 2020), Homoherejías Fílmicas (Brumaria, 2014) e Cámara en mano contra el franquismo (Al Margen, 2009). Actualmente é profesor asociado na Universidade Carlos III de Madrid e investigador do proxecto Estética Fósil do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Xosé Manuel Buxán é profesor no Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Acadou o grao de Doutor en Belas Artes pola Universidade do País Vasco cunha tese sobre o "Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir: Unha visión desde o presente". O seu percorrido investigador está intimamente ligado ás conexións entre arte e cultura queer, identidade sexual, xénero, feminismo e masculinidades.