Libraría

Xabier P. Docampo, terceiro convidado do «Tac, tac, tac» da Libraría NUMAX, este mércores 5 de abril

Este mércores 5 de abril a partir das 19:00  terá lugar unha nova sesión do «Tac, tac, tac» que a Libraría NUMAX celebra cada mes cun escritor ou escritora que, tras escribilo en directo, deixa o seu texto mecanografado na mesa situada ao pé do escaparate. Nesta ocasión será o chairego Xabier P. Docampo o protagonista da actividade, aberta a calquera que se achegue á libraría NUMAX.

O Tac, tac, tac da Libraría NUMAX naceu en febreiro a proposta do escritor Suso de Toro. Trátase dunha actividade literaria que busca preservar a experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario. Os escritores e escritoras convidados por De Toro teñen a misión de mecanografar un texto na propia libraría que quedará durante un mes no escritorio instalado para a ocasión.

Este mércores 5 de abril visitará o espazo da libraría NUMAX o narrador Xabier P. Docampo. Como os anteriores convidados, mecanografará o seu relato en directo e despois falará dos seus procesos creativos en diálogo con Suso de Toro e coas persoas asistentes ao acto. O seu texto ficará exposto durante un mes no folio e no escritorio onde foi mecanografado. Así foi concibido o Tac, tac tac: Un conto, nun lugar, nun límite de tempo.

Xabier P. Docampo naceu en Rábade en 1946. Cando era adolescente, a súa familia trasladouse a vivir na Coruña, onde estudou bacharelato e maxisterio. Traballou como mestre. Sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, durante oito anos formou parte do equipo de Preescolar na casa e pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Impartiu diversas actividades formativas, así como relatorios, que tiñan como cerne a reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura.

Ademais de narrativa, onde destaca por ser un dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, escribiu libros de texto e ensaio didáctico e pedagóxico, colaborou en diversos medios de comunicación e foi contacontos, actor e director de teatro.

Ao longo da súa biografía obtivo diversos galardóns, como o Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou The White Ravens, da Jugendbibliotethet de Munic.