Cinema

NUMAX presenta o proxecto de creación colectiva «Videogramas. A propósito de Compostela» dentro do Fondo X21 da Xunta de Galicia

Estamos moi felices de poder presentar e compartir o proxecto Videogramas, unha iniciativa do Cinema NUMAX para a creación de oito pezas curtas arredor da nosa cidade e a súa proxección na sala de cinema. Un proxecto desenvolvido ao abeiro do Fondo X21 da Xunta de Galicia. A primeira cita con Videogramas será este venres 4 de marzo coa peza «Mellor o libro» realizada por Eloy Domínguez Serén que poderá verse acompañando ao filme Un heroe, de Asghar Farhadi. 

Videogramas. A propósito de Compostela é un proxecto de creación audiovisual impulsado e coordinado pola cooperativa NUMAX que ten como finalidade a posta en valor do talento audiovisual ao tempo que procura achegar unha mirada nova, dinámica e creativa cara á cidade de Santiago de Compostela. As pezas impulsadas polo proxecto están realizadas en lingua galega e a súa duración non supera os 5 minutos de maneira que se integrarán na dinámica da sala, antecedendo e dialogando cos principais filmes da carteleira nas vindeiras semanas.

Con estas premisas, encargamos a creación de oito videogramas a outros tantos autores e autoras de referencia do cinema galego, tentando promover a diversidade en canto a xénero (máis da metade das creadoras son mulleres), idade e linguaxes narrativas. O resultado é unha ollada poliédrica da cidade. As autoras participantes no proxecto son
Eloy Domínguez Serén, Sol Mussa, Alfonso Zarauza, Jaione Camborda, Anxos Fazáns, Aldara Pagán, Colectivo Semente e Iria Silvosa. Cada peza proxectarase durante 15 días antes dos filmes de estrea da nosa sala que iremos anunciando semana a semana.

A primeira cita cos Videogramas, realizados co apoio do
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, será coa peza «Mellor o libro», realizada por Eloy Domínguez Serén que poderá gozarse na pantalla do Cinema NUMAX acompañando ao filme Un heroe, de Asghar Farhadi, do 4 ao 10 de marzo, e Introduction, de Hong Sang-soo, do 11 ao 17 do mesmo mes. Vémonos no Cinema!