Cinema

Xornada de portas abertas para celebrar o 8° aniversario de NUMAX!

Na primavera de 2015, o Cinema e a Libraría NUMAX abrían as súas portas para dar a coñecer un novo proxecto cooperativo e cultural. Para celebrar este tempo compartido e agradecer ao voso apoio á cultura e ao cinema independente, desde a cooperativa NUMAX organizamos unha xornada de celebración na que abriremos as nosas portas á vosa participación e a doutras iniciativas irmás. A actividade terá lugar o sábado 15 de abril e conta co apoio da Xunta de Galicia con cargo aos fondos Feder para desenvolver accións que favorezan a recuperación do sector da exhibición.

A celebración do oitavo aniversario de NUMAX arrancará na sala de Cinema ás 12:00h da mañá coa intervención de Colapso Colectivo, unha iniciativa que leva tempo a propiciar o encontro entre artistas e afeccionadas á arte sonora e visual na cidade. Fronte a pantalla do cinema encontraranse a electrónica minimalista e os rexistros sonoros manipulados por Chapa (Chago e Pablo LCTRCT), o son en catarse de Juan Pardo XXI (dispositivos electrónicos DIY) e as catro cordas de Andrés Real (baixo e efectos). Na parte visual teremos o cinema expandido de M8 (Cris Lores, Belén Veleiro e Lúa Sálamo) e as súas técnicas de manipulación do celuloide. A entrada é gratuíta até completar aforo, se ben podes reservar praza enviando un correo co asunto "Reserva Colapso Colectivo" a [email protected].

A continuación, ás 13:15h e xa na Libraría, teremos unha sesión DJ a cargo de Pídechas o corpo Guateque Sessions, na que Carla (Fragabuqui) e Clara (Wanda Buluba) serán as encargadas de facernos bailar cunha ecléctica e movida selección de vinilos de rock’n’roll ou garage, pasando polo pop, soul e mesmo ye-yé.

Xa pola tarde, ás 17:00h, volve a actividade cun taller tipográfico para todas as idades que ofrece Alouette Machine nas instalacións da Libraría. Por medio dunha imprenta artesanal impulsada por un motor de cinco cilindros, pequenas e maiores poderán xogar, experimentar e imprimir as súas ideas, dúbidas ou palabras favoritas ou malditas. Este obradoiro alongarase até as 20:30h e a participación é libre e gratuíta.

Ás 18:00h, convidamos ao Cineclube de Compostela a que celebre unha das súas sesións na sala de Cinema cunha proxección sorpresa cuxo título ou títulos non serán desvelados até o inicio do pase. A actividade contará con presentación, folla de sala e subtítulos ao galego a cargo desta asociación da que en NUMAX nos sentimos moi próximas e que leva 22 anos a programar cinema de primeira calidade desde o Centro Social do Pichel. A entrada ao pase é gratuíta até completar aforo, pero podes reservar praza enviando un correo co asunto "Reserva Cineclube de Compostela" a [email protected].

Para completar a xornada e agradecer o apoio de todas as persoas que co seu abono a NUMAX fan posible este proxecto, o resto de proxeccións de filmes en carteleira, ás 16:00h e 20:00h, serán gratuítas para as persoas abonadas da cooperativa. A reserva gratuíta farase efectiva na propia billeteira ou enviando un correo co asunto "Reserva abonadas" ao mesmo correo: [email protected]. Non faltes que pasaremos lista!