Cinema

Encontro A cor das palabras con Miguel Barbosa e Diego Staub: «Os efectos de son no cinema»

O encontro A cor das palabras organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX regresa neste último trimestre do ano achegándonos ao mundo do foley, onde os galegos Miguel Barbosa e Diego Staub, á fronte da compañía Sound Troop, son referente a nivel internacional. Baixo o título Os efectos de son no cinema, Barbosa e Staub aproximarannos aos segredos dun oficio tan descoñecido como creativo e fundamental na creación cinematográfica. O encontro terá lugar o sábado 17 de outubro ás 11:30 no Cinema NUMAX.

Os galegos Miguel Barbosa e Diego Staub, á fronte da compañía Sound Troop, conta cun importante prestixio a nivel internacional no mundo do foley, un dos oficios máis peculiares e ocultos do cinema, que consiste na creación de sons para un filme a partir de moi diferentes e creativas técnicas. Barbosa e Staub levan anos destacando nesta disciplina, traballando para cineastas do nivel de Alice Rohrwacher (Lazzaro feliz), Pedro Almodóvar (Julieta), Paco Plaza (Verónica) ou Nely Reguera (María y los demás).

No encontro A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX, os creadores galegos afondarán n'Os efectos de son no cinema, partindo da súa experiencia e de exemplos concretos de creación sonora e abordando os diferentes aspectos a ter en conta nunha posprodución de son desde a perspectiva dos efectos foley e a súa integración na creación dun filme.

O acceso terá lugar o sábado 17 de outubro ás 11:30 con entrada libre até completar aforo e xa podes reservar praza escribindo a [email protected], indicando nome completo e número de contacto.

A xornada completarase ás 16:30 coa proxección de Lazzaro feliz, da directora italiana Alice Rohrwacher, gañadora a mellor guión en Cannes 2018. Barbosa e Staub, creadores dos efectos foley do filme, ofrecerán presentación e coloquio do mesmo desde a perspectiva da creación sonora.

Neste último trimestre do ano, o encontro A cor das palabras continuará achegando ao público de Santiago a creadores de referencia do cinema actual, que partirán das súas últimas creacións para nos mergullar no seu universo creativo. En paralelo, o ciclo buscará afondar noutros oficios fundamentais na creación dun filme como o foley ou a dirección de fotografía que, adoito, non contan coa visibilidade precisa. En poucos días daremos cumprida información.