Libraría

O escritor chileno Alejandro Zambra visita NUMAX

PRAZAS COMPLETAS! A sala de cinema de NUMAX acollerá o encontro con Alejandro Zambra. Na súa visita, que terá lugar o xoves 27 de marzo ás 18h00, o escritor estará acompañado polo poeta e escritor Ismael Ramos. O aforo está completo, para entrar en lista de agarda escribe a [email protected] indicando nome, apelidos e número de teléfono.

O encontro de Alejandro Zambra en NUMAX enmárcase dentro da súa visita a Galicia para recoller o premio literario San Clemente, que promove o IES Rosalía de Castro, na categoría en castelán polo libro Literatura infantil. «Ser padre consiste en dejarse ganar hasta el día en que la derrota sea verdadera», dicía o escritor na súa novela Poeta chileno, unha idea que reaparece neste libro cautivador e inclasificable, escrito «nun estado de apego» ou «baixo a influencia» da paternidade, cuxo tema estelar é a infancia ou como o nacemento e o crecemento dun fillo non soamente modifican o presente e o futuro, senón tamén moven a nosas ideas arredor do pasado.

A conversa en NUMAX con Alejandro Zambra acompañado polo poeta e escritor Ismael Ramos, que terá lugar o xoves 27 de marzo ás 18h00 na sala de cinema, servirá para facer un repaso pola súa obra e as súas obsesións e referentes literarios.

Alejandro Zambra (Santiago de Chile, 1975) publicou, en Anagrama, as novelas Bonsái (2006), La vida privada de los árboles (2007), Formas de volver a casa (2011) e Poeta chileno (2020), o libro de contos Mis documentos (2014), as coleccións de ensaios No leer (2018) e Tema libre (2019), e un par de libros bastante máis difíciles de clasificar, como Facsímil, que Anagrama recuperou no ano 2021, e Literatura infantil (2023), unha serie de relatos, de ficción e non ficción, sobre a infancia e a paternidade. As súas novelas foron traducidas a máis de vinte linguas, e os seus relatos apareceron en revistas como The New Yorker, The New York Times Magazine, The Paris Review, Granta, Harper’s e McSweeney’s. Foi becario da Biblioteca Pública de Nueva York e recibiu, entre outras distincións, o English Pen Award, o O. Henry Prize e o Premio Príncipe Claus. Actualmente vive en Cidade de México. Fotografía © Ana Hop