Aroa Moreno Durán presenta «Mañana matarán a Daniel» na Libraría NUMAX
A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Mañana matarán a Daniel (Random House) de Aroa Moreno Durán o martes 18 de novembro ás 19h. A autora estará acompañada polo xornalista Daniel Salgado. A entrada é libre ata completar aforo.
Pouco antes da morte de Franco, na madrugada do 27 de setembro de 1975, tres mozos foron executados na serra de Madrid. Daniel, Hidalgo e Pito foran detidos e torturados pola policía, acusados de matar ese verán a un policía e a un garda civil. A condena impúxose sen xuízo legal e de forma precipitada, despois dunha farsa militar na que non houbo probas nin posibilidade de defensa. Xunto a outras dúas execucións, aqueles mozos foron os últimos fusilados polo Réxime.
Moitos anos despois, Aroa Moreno Durán atopa por casualidade, moi preto da súa casa, as pegadas daqueles asasinatos: no monte onde tantas veces acampou de moza existe aínda o talude onde levaron a cabo as execucións. Como é posible que ela non soubese nada respecto diso? Como puido este feito quedar sepultado nas crónicas da nosa historia máis recente?
Dacabalo entre a ficción e a crónica máis persoal, esta sobrecolledora novela, cimentada sobre unha investigación exhaustiva e a bela prosa de Moreno Durán, ilumina un dos episodios máis sinistros do final da ditadura española.
Aroa Moreno Durán (Madrid, 1981) estudou Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e é autora dos libros de poemas Veinte años sin lápices nuevos (Alumbre, 2009), Jet lag (Baile del Sol, 2016) e Todavía una noche (Tusquets, 2025), as biografías de Frida Kahlo, Viva la vida, de Federico García Lorca, La valiente alegría (ambas en Difusión, 2011) e de Almudena Grandes, Almudena (a catro mans con Ana Jarén, Lumen, 2024), e as novelas La hija del comunista (Caballo de Troya, 2017; Random House, 2023. Galardoada co Premio Ollo Crítico á Mellor Novela do Ano en 2017 e, ata a data, traducida a sete linguas), e La bajamar (Random House, 2022. Merecedora do premio Grand Continent 2022). Impartiu talleres de xornalismo e escritura en México e colabora con varios medios de comunicación.