PAPEL E PRATA #02: unha aula de Bea Lema e Alberto Vázquez baixo o título «Debuxos animados»
Bea Lema e Alberto Vázquez chegan a NUMAX para a segunda conversa de PAPEL E PRATA o mércores 13 de maio ás 19:00h na sala de cinema cunha aula que leva por título «Debuxos animados». Esta actividade está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña. A entrada para asistir é gratuíta até completar aforo. Para realizar a reserva hai que escribir ao correo de [email protected] indicando nome completo e un teléfono de contacto (pódense reservar varias prazas por persoa).
Se falamos da compoñente máxica que ten a creación artística –no seu facer aparecen cousas onde non estaban–, probablemente non hai unha forma que o represente máis claramente que a animación, que fai aparecer o movemento desde o estatismo. Nesta proposta achegámonos a ese ámbito partindo da experiencia de dúas persoas que chegan ao cinema animado desde a ilustración e a banda deseñada, como son Bea Lema e Alberto Vázquez. Que elementos dunha arte secuencial como a banda deseñada se manteñen nos filmes? De que maneira se traballa o debuxo para o papel e para a pantalla? Que estruturas narrativas funcionan en cada contexto? Que rol xoga o son na ilustración? A través dos exemplos de novelas gráficas tornadas obras audiovisuais que supoñen O Corpo de Cristo (Premio Castelao en 2017 e ampliado nunha versión española merecedora do Premio Nacional de Cómic en 2024, adaptada a curtametraxe en 2025) ou Psiconautas (publicada en 2006 e adaptada na curta Birdboy e a longametraxe Psiconautas, ambas premiadas co Goya nas categorías de animación), Lema e Vázquez abordarán a relación entre os libros e os filmes desde a perspectiva dos seus ámbitos de traballo.
Bea Lema (A Coruña, 1985) é ilustradora e autora de banda deseñada. O seu traballo é xeralmente de corte autobiográfico e trata temas relacionados coa loucura, o trauma, as relacións familiares, a relixión e os ritos populares. A nivel gráfico, explora o debuxo e o bordado como soporte para as súas ilustracións. En 2017 recibiu o XII Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena e que supuxo a súa primeira novela gráfica. En 2022 recibiu unha bolsa para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia). O libro no que traballou, baseado naquel primeiro de banda deseñada, foi publicado en Francia baixo o título Des maux à dire e en España como El Cuerpo de Cristo. Esta obra leva recollido premios por todo o mundo, entre os que destacan o do Público no Festival de Angoulême 2024, o Premio Nacional de Cómic 2024 e o Premio á mellor novela gráfica internacional 2025 do Festival Comicon Napoli. En 2025 estreou a adaptación a curtametraxe desta obra, escrita e dirixida por ela mesma a través da animación do bordado.
Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) é director de animación, ilustrador e debuxante de banda deseñada, ámbitos nos que destaca pola combinación de elementos que xogan coa tenrura e o sinistro. Os seus libros (tanto bandas deseñadas como libros ilustrados, algúns deles en colaboración con El Hematocrítico) foron editados en países como España, Francia, Italia, Brasil e Corea e as súas ilustracións apareceron en medios impresos de todo o mundo. No ámbito da animación, escribiu e dirixiu curtas como Birdboy (2010), Sangre de Unicornio (2013), Decorado (2016) ou Homeless Home (2020), baseadas nas súas obras, así como as longametraxes Psiconautas (2015), Unicorn Wars (2022) e Decorado (2025), nunha traxectoria celebrada pola crítica e recoñecida con catro Premios Goya e máis de 100 premios internacionais, ademais de seleccións en festivais como Cannes, Toronto, Annecy, Clermond-Ferrand ou Slamdance. Desde 2024 codirixe Imaxinaria, o Festival Internacional de Animación da Coruña.

- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
Todo o que fomos
VOSE
-
-
-
Enzo
VOSE